A Sociedade Galega de Historia Natural solicita á conselleira de Medio Rural que se deteña a campaña de fumigacións

En relación coas novas publicadas na web da Consellería de Medio Rural e Mariño e tamén na do Concello de Melide sobre a fumigación contra a praga de Gonipterus scutellatus nos eucaliptos con productos químicos coa sustancia activa Flufenoxuron, SGHN ven de dirixir un escrito á Conselleira de Medio Rural e do Mar expoñéndolle:

  1. Que esta sustancia ten prohibido o uso a partir do Regulamento de Execución (UE) nº 942/2011 da Comisión de 22 de septembro de 2011 polo que se establece a non aprobación da sustancia activa flufenoxurón, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1107/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á comercialización de productos fitosanitarios, e que modifica a Decisión 2008/934/CE da Comisión, que no seu artigo 1 declara a non aprobación desta sustancia activa debendo ser retirado denantes do 31 de nadal de 2011 (artigo 2º), salvo aplicación do período de gracia concedido polos Estados membros, gracia que non consta que se outorgase e que de calquera xeito expiraría o 31 de nadal de 2012.
  2. Que non existen insecticidas ou biocidas específicos para Gonipterus scutellatus, polo que de empregar algún xenérico como o Flufenoxuron afectaría a todos os insectos variando só os efectos en función da resistencia química de cada especie ou poboación.
  3. Que as cantidades necesarias a liberar serían masivas para ser efectivas, polo que as consecuencias serían uns danos enormes sobre:
    • As poboacións de artrópodos en xeral, incluindo insectos beneficiosos como as abellas, para as cales os productos con esta sustancia constitúen un risco dacordo coas súas fichas de seguridade.
    • Toda a cadea trófica e, ademais, en plena tempada de cría para as especies insectívoras (anfibios, réptiles, aves, mamíferos, etc), a meirande parte delas protexidas pola lexislación vixente e non poucas incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007; Decreto 167/2011).
    • A supervivencia do Hymenoptera parásita (Anaphes nitens) das postas de Gonipterus, polo que se reducirá a efectividade da liberación desta especie na campaña de loita biolóxica contra o Gonipterus, tal como se recolle nos estudos de:
      – SANTOLAMAZZA CARBONE, S. & FERNÁNDEZ DE ANA MAGAN, F.J. 2004. Efectos de dos insecticidas de síntesis y de dos bio-insecticidas sobre el defoliador del eucalipto Gonipterus scutellatus Gyllenhal y su agente de control biológico Anaphes nitens Girault. Bol. San. Veg. Plagas, 30:665-277.
      – SANTOLAMAZZA CARBONE, S. & FERNÁNDEZ DE ANA MAGAN, F.J. 2004. Testing of selected insecticides to assess the viability of the integrated pest management of the Eucalyptus snout-beetle Gonipterus scutellatus in north-west Spain JEN 128(9/10) doi: 10.1111/j.1439-0418.2004.00893.620–627.
  4. Que, polo indicado nos puntos anteriores, nin se entende nin se comparte a devandita campaña de fumigación cunha substancia:
    • Non empregada masivamente con anterioridade.
    • Contraproducente cara a campaña de loita biolóxica con Anaphes nitens.
    • Prohibida no territorio europeo.
    • Comparativamente cara, máxime cos axustes orzamentarios restrictivos dos últimos tempos.

Por todo o cal, SGHN solicitoulle á Conselleira de Medio Rural e do Mar :

  1. Que se facilite á SGHHN información sobre:
    • Os motivos da Xunta de Galicia para pretender realizar, precisamente agora, unha fumigación xeneralizada con estes produtos fitosanitarios non aprobados pola U.E.
    • O orzamento aportado pola Xunta de Galicia para dita campaña de fumigación, a partida orzamentaria, e a porcentaxe dos custes totais que se pagarían con fondos públicos da Xunta de Galicia.
  2. Que a loita contra o Gonipterus scutellatus se realice exclusivamente a través das prácticas empregadas en campañas anteriores con Anaphes nitens, alomenos ata que non se demostre o salto hacia outros hospedadores autóctonos.
  3. Que se lle comunique ó Concello de Melide que tales fumigacións non poden ser obrigatorias.
  4. Que se anule a devandita campaña de fumigación indiscriminada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *