A apicultura en Galiza e os pesticidas

(Un artigo de Suso Asorey, da AGA)

A apicultura en Galiza

Segundo se indica na tese de doutoramento de Abel Yañez, no ano 1988 existían en Galiza uns 4.731 abelleiros con 94.800 colmeas. A provincia de Lugo con 1.710 abelleiros é a máis apícola, seguida da Coruña con 1.400 e Ourense e Pontevedra con 800 abelleiros cada unha.

Trátase dunha pequena apicultura, onde o 92% dos abelleiros non supera as 50 colmeas, mentres na Unión Europea considéranse profesionais a aqueles produtores que superan as 150 colmeas. A apicultura pode ser importante dentro dunha agricultura de tipo pluriactivo ou multifuncional. Mais os abelleiros, por pequenos que sexan, realizan un labor medioambiental ao que habería que darlle moita importancia. A paixón polas abellas está por riba da produción.

AbellasNo ano 1980 naceu a Asociación Galega de Apicultura, AGA, coa fin de informar, formar e asesorar tecnicamente aos abelleiros. A AGA creou no ano 1990 a cooperativa Erica Mel para comercializar e dar servizos a máis de 300 abelleiros de toda Galiza que son os máis profesionalizados. Tamén foi a promotora da denominación Mel de Galiza-Indicación xeográfica protexida (IXP), á que pertencen na actualidade máis de 400 abelleiros. O interese desta denominación estriba na promoción e control duns meles que proceden fundamentalmente de plantas silvestres: castiñeiro, queirogas, silvas, carballos, eucaliptos…

Na actualidade, o sector apícola galego está pasando unha forte crise; as abellas desaparecen sen deixar rastro. Desapareceron en Galiza máis de 1.300 abelleiros nos dez últimos anos, nas provincias de A Coruña e Pontevedra abandoaron case un 60% dos abelleiros e nesas zonas desapareceron tamén máis dun 60% das colmeas que había hai 12 anos. Moitos abelleiros repoñen as baixas tódolos anos e volven a quedar sen abellas á saída do inverno. Non se trata de ningunha doenza coñecida.

Aquí pasa o mesmo que no resto de Europa, este fenómeno apareceu a partir do uso dunha nova xeración de pesticidas sistémicos neurotóxicos. Nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas, por termo medio nestes últimos anos desapareceu máis do 50% da cabana apícola galega. Esta situación agravouse nos derradeiros 3-4 anos.

Despois dos estudos e traballos científicos realizados noutros países, sobre todo en Francia, chegamos á conclusión de que tamén aquí estes pesticidas son os responsábeis desta desfeita.

Pesticidas

O primeiro produto coñecido en Galiza foi o Confidor (principio activo Imidacloprid), insecticida de amplo espectro, sistémico, neurotóxico, que fabrica a firma Bayer e que se usa en fumigacións sobre todo en hortos, invernadoiros, froiteiras, patacas, etc. Na propia etiqueta aparece como “moi perigoso para as abellas”, e na actualidade tamén se usa para fumigar eucaliptos.

Outros nomes comerciais que tamén se usan pero que non están á venda son o Gaucho (Imidacloprid) e o Regent (Fipronil). Estes pesticidas veñen coas sementes xa tratadas, máis frecuentemente de millo, aínda que tamén poden vir coas sementes de trigo, cebada, remolacha, patacas…

Poden causar intoxicacións agudas, nos días seguintes ás fumigacións ou sementeiras, e tamén intoxicacións crónicas, intoxicación lenta e subletal despois do seu uso e debido a que se espallan pola terra e tamén a que perduran. A intoxicación crónica pode durar até 3 anos despois da utilización dos pesticidas. Por contacto ou inxestión, afectan ao seu sistema nervioso das abellas, que perden o sentido da orientación e xa non volven a colmea.

As áreas máis afectadas en Galiza corresponden coas zonas de horta, froiteiras, millo e ultimamente coas zonas de eucaliptos tratados. Tamén aparecen os efectos en zonas que non coinciden coas anteriores, que pode ser debido a que o vento ou a auga levaron os produtos a longas distancias. Isto pode ocorrer durante as fumigacións ou polo desprendemento de pó dos graos de millo durante a sementeira. O millo con Regent, que foi prohibido en Francia, estase utilizando aquí na Galiza, como se puido comprobar no ano 2005.

Solución

Ecoloxistas e abelleiros/as sabemos que non pode haber abellas sans nun medio ambiente enfermo, e que nun medio ambiente enfermo tamén se resinte a saúde humana. A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Por iso, os nosos gobernantes deberían pensar en modelos de produción agraria alternativos, xa que o actual é moi pernicioso.

Pesticidas

IMIDACLOPRID

Hai uns anos a Nihon Bayer Agrochemicals K.K. desenvolveu un grupo de moléculas chamadas “nicotinoides” derivadas da nicotina. A súa acción mortal nos insectos exércese sobre o sistema nervioso central, bloqueando de forma irreversíbel os receptores nerviosos. Os fitosanitarios que conteñen Imidacloprid úsanse para tratar o pulgón e a mosca branca, así como para o tratamento da semente da pataca, millo e outros cereais ou legumes. O imidacloprid é 10.000 veces más potente que a propia nicotina, e degradase en oito metabolitos, as veces con acción máis potente que a propia materia activa.

FIPRONIL

Pesticidas tóxicos para as abellasDescuberto polos laboratorios franceses Rhone Poulenc a finais dos anos 80, é o principio activo do insecticida comercializado como Regent TS, que se comercializa desde 1997 para tratar as sementes de millo, xirasol e outros cereais. O seu principal fin é loitar contra as larvas, pero os insectos que entran en contacto, incluídas as abellas, morren por sobreexcitación, xa que afecta aos transmisores nerviosos. O fipronil está presente tamén en produtos de xardinería e veterinarios para matar os parasitos dos animais de compañía.

Canceríxeno: a Axencia de Protección do Medio Ambiente de EE.UU. clasificou o fipronil como canceríxeno (produto susceptíbel de provocar cáncer) porque os animais de laboratorio expostos a el desenvolveron tumores benignos e malignos de tiroides. Un dos produtos resultante da súa descomposición pola luz (fipronil-desulfinil) é dez veces más tóxico que o propio fipronil.

MARCAS COMERCIAIS

Imidacloprid (Bayer): Gaucho® (80% imidacloprid), para a protección de sementes (millo, xirasol, xudías, etc.), e Confidor® (20%) e Escocet ® (35%) de aplicación por pulverización para froiteiras, legumes e hortalizas. Fipronil (Basf): Regent®, igualmente para o tratamento de sementes, e pulgas de animais domésticos.

INSTRUCIÓNS

É paradoxal que o Confidor, co 20% de materia activa, indique nas instrucións de uso “moi perigoso para as abellas” e o resto dos produtos, con porcentaxes moito maiores, non fagan ningunha mención á súa alta perigosidade.

Posición oficial

A Resolución B5-0000/2003, de data 23 de xuño de 2003, do Parlamento Europeo sobre as dificultades ás que se enfronta a apicultura europea, entre outras cousas afirma o seguinte:

- “…os apicultores deben facer fronte a graves problemas vinculados á perda da cabana apícola (por encima do 80%)…
– …a perda non cesa de agravarse de ano en ano.
– …obsérvase unha sincronización xeográfica e temporal na aparición de ditos síntomas, debido á utilización de novas xeracións de sustancias activas sistémicas neurotóxicas.
– …os síntomas son novos e non se parecen nada a outras patoloxías xa coñecidas e controladas polos apicultores.
– …esta nova xeración de produtos (en particular, o imidacloprid e o fipronil) utilizados en doses sumamente baixas (uns poucos ppb) teñen efectos tóxicos…
– …hoxe sabemos que entre un 2% e un 3% da poboación (humana) sofre patoloxías vinculadas a disfuncións do sistema nervioso nos lugares directamente afectados polos produtos neurotóxicos…
– …debe evitarse a calquera prezo que os agricultores se enfronten una vez más a unha contaminación alimentaria escandalosa do tipo “EEB”, da que non serían responsábeis pero si as primeiras víctimas.
– …que se adopten medidas preventivas polo que respecta a utilización das novas xeracións de produtos neurotóxicos remanentes”
.

Posición científica

Dr. Marc E. Colin. Departamento de Patoloxía Comparada. Universidade de Montpellier (Francia)

As conclusións dos seus estudos son claras e contundentes. Estes produtos producen nas abellas tremores, comportamento de limpeza exaxerado, mala orientación e, finalmente, desaparición das colleiteiras, non ligada obrigatoriamente a unha mortaldade diante da colmea; síntomas ben diferentes aos causados polas enfermidades virais.

O imidacloprid é un nicotinoide que actúa sobre o sistema nervioso central. É 10000 veces máis potente que a propia nicotina e provoca tremores, e unha inmensa debilidade muscular que leva á morte do insecto. Degrádase en 8 metabolitos, ás veces con acción insecticida máis forte que a propia materia activa. Xa se atoparon receptores de imidacloprid no home.

O fipronil pertence a familia dos fenilpirazois e a súa acción e características son moi similares as do imidacloprid. En canto á contaminación en plantas, atopáronse valores medios de 3,5 microgramos/kg no millo e de 1,9 microgramos/kg en pole. A dose letal 50 (DL50, ou dose capaz de matar o 50% das abellas expostas) por inxestión para a abella é de 4,5 nanogramos (mil veces menor que o micro), e por contacto, de 24 ngr. En canto ao fipronil, os datos foron de 4 ngr por inxestión e 6 ngr por contacto.

Abellas alimentadas durante 10 días con xarope contaminado con 0,1 microgr/kg de imidacloprid sofriron unha mortaldade do 40%, mentres que con xarope contaminado con fipronil con 0,01 microgr obtívose aos 10 días unha mortaldade de até o 65% dos individuos.

Para Colin estes insecticidas supoñen un grave problema para o medio por mor da dispersión de moléculas altamente tóxicas no ar, auga e terra, pero incluso para os consumidores que poderían atopar estas toxinas no leite dos animais alimentados con silos de millo Regent ou na auga de rego ou de consumo.

Ademais, asegura Colin: “Cos insecticidas tradicionais fan falta varios microgramos para matar a unha abella. Porén, con cinco nanogramos de fipronil descubrimos que xa morren. É a milésima parte do que ocorría cos produtos tradicionais”.

A importancia das abellas

Albert Einstein:

Sen abellas non hai alimentación para o home, as abellas son a base da vida humana na Terra

Esta afirmación de Einstein refírese ao papel polinizador das abellas e pon de manifesto a importancia das mesmas. Segundo a FAO, o 76% da alimentación humana depende da presenza de abellas nos nosos campos. As producións directas, mel, pole, xelea real, própole, cera… cuantitativamente son insignificantes, mais non así cualitativamente, pois trátase de produtos de extraordinario valor alimenticio e terapéutico. Pero a produción indirecta derivada da presenza destes insectos entomófilos, polinizadores do 80% das plantas con flores, é moi superior. Por cada euro que percibe o abelleiro polos produtos das súas abellas o seu equivalente en polinización de produtos agrícolas avalíase en 30 euros.

As abellas visitan as flores e, de paso que recollen o néctar, transportan o pole (célula masculina) polas distintas flores da mesma especie e provocan a fecundación dos óvulos (célula feminina) e o desenvolvemento de froitos e sementes, e a aparición de novas plantas.

Polo tanto, as colonias de abellas aseguran a polinización das plantas agrícolas e garanten a presenza de milleiros de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade. De faltárennos as abellas, rachará unha cadea do ecosistema na que os humanos somos un elo máis.

«O noso rexeitamento pode parar unha fumigación que vai contra o sentido común e que provocará un forte impacto»

Mensaxe recibida dun técnico de Medio Rural, cuxa identidade loxicamente omitimos:

NO es cierto que vayan ser todos los eucaliptales [refírese á unha afirmación incluida na campaña en Actuable], pero sí es cierto que la campaña va a tener un serio impacto sobre las abejas, buena parte de la microfauna de los ríos, infinidad de artrópodos (entre ellos los insectos) y también de gasterópodos (caracoles y babosas) … la cuestión es que la UE ha decidido sacar este producto del mercado y en España vamos a acabar con las existencias que quedaban en stock (ya no se puede fabricar desde el 31/12/2011) … si mostramos rechazo es probable que se pare una campaña absurda que provoca un fuerte impacto.

Por otro lado es inútil luchar contra la naturaleza … no olvidemos que el eucalipto en España está fuera de sus ecosistemas naturales, y no tiene cabida (a medio-largo plazo) más que en pequeños cultivos controlados, donde sí sería posible realizar tratamientos como en los cultivos agrícolas, siempre y cuando se realicen cumpliendo la normativa y aplicando el sentido común … Y sentido común es el que les ha faltado a los que han diseñado esta fumigación que pretende abarcar tanto como la sociedad permita, como si fuese posible acabar con una plaga que se extiende con suma facilidad debido a la continuidad que alcanzan en Galicia las masas forestales de eucalipto …. Mientras no exista una planificación forestal que defina en que zonas se puden realizar este tipo de cultivos, un gorgojo del eucalipto, haciendo el manido simil de la ardilla que atravesaba España de árbol a árbol, podrá escapar del dichoso cascade y colonizar el resto del inmenso eucaliptar en que se está convirtiendo Galicia, en concreto la franja de tierra de 20-40 km de anchura desde la costa, donde el eucalipto ocupa la superficie que antes ocupaban cultivos agrícolas y pinares …

A Xunta de Galicia, xunto con ASPAPEL, promoven unha campaña de fumigación cun produto prohibido pola Unión Europea

A Xunta de Galicia, xunto con ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón), promoven unha campaña de fumigación masiva en Galicia dos montes de eucaliptos co fitosanitario Cascade™, para o control da praga do Goniptero. Transmítese dende as autoridades galegas e empresas involucradas, que o Cascade™ é un produto seguro para o medio ambiente, para as persoas, para as abellas…

¿Pero cal é a realidade? A realidade é a seguinte:

  • O uso do flufenoxurón (principio activo do Cascade™) na Unión Europea foi prohibido [1].
  • Existen traballos científicos que relatan episodios de toxicidade en humanos debido ó Cascade™ [2].
  • A Comisión Europea prohibe o uso de Cascade™, en base ás conclusións da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria [3].

O principio activo de Cascade, o flufenoxurón, deixará de comercializarse a partir do 01 de agosto de 2012 segundo a Decisión da Comisión da UE do 09 de febreiro de 2012 [4], aínda que xa no Reglamento de Execución do 22 de setembro de 2011 se fixou un prazo para a súa retirada do mercado, que remataba o 31/12/2011, cun período de gracia que rematará o 31/12/2012. A estratexia dos interesados económicamente nesta operación en Galicia, a industria química BASF, a patronal pasteira ASPAPEL e a Xunta de Galicia, pasa pola fumigación masiva con “Cascade” dos eucaliptais galegos contra o gorgullo do eucalipto.

Este biocida resulta letal para as abellas e tóxico para o ambiente e as persoas. As fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; ademais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións. Estudios como “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana”, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del.

Dende a Asociación Galega de Apicultura AGA cremos que xa chegou o momento de defender de verdade as nosas abellas…. En Galicia e no estado español deberíamos reaccionar, como se está facendo na maior parte dos demais paises da Unión Europea.


[1] REGLAMENTO DE EJECUCIÓN (UE) N o 942/2011 DE LA COMISIÓN de 22 de septiembre de 2011 por el que se establece la no aprobación de la sustancia activa flufenoxurón, de conformidad con el Reglamento (CE) n o 1107/2009 del Parlamento Europeo y del Consejo.

[2] Title: A case of human poisoning with a flufenoxuron-containing insecticide. Authors: Jeong J; Yeom S; Ryu J; Han SK; Cho SJ; Kim J. Source: Clinical Toxicology 2010 Jan;48(1):87-9.

[3] Autoridad Europea de Seguridad Alimentaria; Conclusion on the peer review of the pesticide risk assessment of the active substance fluometuron (Conclusión sobre la revisión por pares de la evaluación del riesgo de la utilización como plaguicida de la sustancia activa flufenoxurón). The EFSA Journal 2011, 9(3):2088. [72 pp.] doi:10.2903/ j.efsa.2011.2088. Disponible en: www.efsa.europa.eu/efsajournal.htm.

[4] DECISIÓN DE LA COMISIÓN de 9 de febrero de 2012 relativa a la no inclusión del flufenoxurón para el tipo de producto 18 en los anexos I, IA o IB de la Directiva 98/8/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, relativa a la comercialización de biocidas.