[Vídeo] A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía os tratamentos aéreos con FlufenoxuronRepresentantes das organizacións que integran a Plataforma contra as Fumigacións acudiron hoxe, 24 de abril, aos xulgados de Compostela para denunciar ante a fiscalía de medio ambiente as fumigacións aéreas na Galiza cun pesticida altamente tóxico (Flufenoxuron), que se pretende utilizar contra a praga do gorgullo do eucalipto e que será prohibido en toda a Unión Europea a partir do 1 de agosto de 2012.

Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado, en Galicia poden estar afectados polo gorgullo en torno á 100.000 hectáreas de eucaliptais (1/4 parte da existente). Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron “fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta, tendo presentes os principios de prevención e precaución que deben guiar as actuacións en materia medioambiental”.

Con esta acción, a Plataforma contra as Fumigacións inicia unha campaña para informar á cidadanía do atentado contra o medio ambiente que van perpetrar algunhas madeireiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e de concellos como o de Melide. Precisamente, neste municipio coruñés a Plataforma contra as Fumigacións realizará unha marcha de denuncia o vindeiro domingo, 29 de abril, para tentar que a cidadanía melidense reaccione contra o seu inminente envelenamento e o do entorno.

Fonte: SLG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *