[Comunicado de prensa] A protesta contra as fumigacións medra en Internet e chega aos Parlamentos Galego e Europeo

A protesta polas fumigacións con Cascade recibiu xa de mais de 64.000 apoios en Internet e chega ás institucións europeas a través da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen trasladou as denuncias da Plataforma contra as Fumigacións.

O Parlamento de Galicia tamén se fai eco das nosas denuncias, obrigando a responder ao secretario xeral de Montes e Medio Rural.

Agora sabemos as zonas previstas para ser fumigadas, e inclúen espazos protexidos, ríos e vilas.

A Plataforma contra as Fumigacións ven informando a toda a cidadanía desde o mes de abril das intencións da Xunta de Galiza, nomeadamente das Consellerías de Medioambiente e de Medio Rural, de fumigar os eucaliptais galegos cunha substancia tóxica cuxa fabricación e venda foron prohibidas pola normativa comunitaria a partir deste ano. Segundo o Regulamento da Comisión Europea nº942/2011, se concede aos Estados membros ata finais de 2012 para que sexa retirada do mercado o biocida flufenoxuron que, segundo denunciamos, é o principio activo do pesticida que pretende ser usado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) para fumigar mediante helicópteros centos de milleiros de hectares de monte por toda Galiza. Sabemos que a fumigación con produtos que conteñan esa substancia tería consecuencias catastróficas para a cabana apícola galega, que ten un papel clave como elemento polinizador no ecosistema en xeral e na agricultura en particular, e que xa se veu reducida nun 50% nos últimos 4 anos polo uso deste e outros pesticidas, entre outros problemas.

Interpelación parlamentar dirixida á Comisión Europea presentada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda

Con todos estes datos, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda trasladou esta situación ao Executivo da UE mediante interpelación parlamentar, preguntando á Comisión polas medidas que ten previsto adoptar para garantir o cumprimento da normativa comunitaria, nun tema directamente relacionado coa saúde alimentar e coa protección de especies vitais para a preservación do medioambiente, tendo en conta ademais que as fumigacións áreas tamén están prohibidas pola Unión Europea desde 2011, sempre que a loita contra unha praga forestal se poida facer por outros medios. Esta iniciativa non é a primeira, xa que continúa a serie de iniciativas apresentadas o ano pasado sobre o uso de pesticidas e a conseguinte mortandade producida nas abellas. Por iso, solicitouse á Comisión Europea que vele polo cumprimento da lexislación comunitaria, en particular naqueles casos en que as autoridades locais, como a Xunta de Galiza, actúa en contra desa normativa con graves consecuencias no ecosistema, na saúde das persoas e en sectores produtivos como a apicultura e a agricultura e na destrución de emprego e actividade económica.

Mentiras do secretario xeral de Montes e Medio Rural da Xunta

A pesar de todo isto, o pasado xoves o secretario xeral de Montes e Medio Rural da Xunta, Tomás Fernández-Couto afirmou no Parlamento de Galicia que o plaguicida que será utilizado nos próximos meses para fumigar zonas forestais de eucalipto afectadas pola praga «no es tóxico». Seica non leu nin a etiqueta do produto, porque alí mesmo veñen as advertencias de toxicidade ben clariñas, tal e como correxiu a deputada Tereixa Paz, que lle lembrou que este pesticida da firma alemana BASF indica na súa etiqueta que é «altamente tóxico para as abellas» e outras especies. Ademais, recalcou que «ten efectos negativos non só sobre o medio ambiente, o aire e a agua, senón un importante impacto económico para algúns sectores», entre os que citou a apicultura. A isto engadimos desde a Plataforma contra as Fumigacións que a propia folla informativa oficial do produto recoñece que pode ter efectos moi negativos sobre os ríos e ecosistemas acuáticos en xeral, e que debe evitarse que penetre no solo, augas superficiais ou subterráneas. Milleiros de galegas e galegos viven en aldeas e vilas de Galiza, ou mesmo cidades, que son abastecidas con augas que a Xunta non vé problema en contaminar gravemente desde o aire.

Descaradamente artéllase desde a Xunta unha nova manobra que denunciamos diante da cidadanía, xa que anuncian un retraso na operación: agora nos din que as fumigacións se realizarían de agosto a decembro, se cadra para tentar diluir no tempo a presión social que tan axiña medrou desque se deron a coñecer os plans de «fumigación inmediata» desde diversos actores implicados nas fumigacións. Isto confírmanos ainda máis que se queren librar do stock deste produto antes de que sexa definitivamente retirado do mercado. Pensan que poden lavar as mans, dicindo que a «administración autonómica se limita a autorizar a fumigación aérea mediante helicópteros», pero que «ni ha financiando ni promovido el tratamiento», e engade ademais que está «financiada por empresas del sector» madereiro, sen ningún tipo de escrúpulo. O significado disto é ben claro: a Xunta failles o traballo suxo ás grandes empresas químicas e madereiras, ao tempo que afirma que non ten responsabilidade en tan grave asunto: as que teñen o dereito de regar media Galiza con substancias tóxicas son as empresas, e eles non teñen nada que dicir.

Na súa intervención tamén quedou patente que non ía responder as incisivas preguntas da deputada do BNG Tereixa Paz sobre os motivos da prohibición da Unión Europea de comercializar ese producto a partir de agosto y de distribuilo desde o mes de decembro, se é que tan inocuo e amplamente utilizado é, como tentaba torpemente xustificar o secretario xeral.

Mapa das fumigacions con cascade previstas por ASPAPEL co consentimento da XUNTA

As zonas propostas por ASPAPEL para desenvolver as fumigacións dos eucaliptais co tóxico Flufenoxuron inclúen zonas nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área).  Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha (un total de case 350.000 ha, fronte ás apenas 10.000 que recoñece a Xunta), denominadas na documentación zonas de tratamento químico. Nelas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000.

Concluimos que se o único que pode facer a Xunta é desautorizar esta fumigación, que o faga de inmediato: é a súa responsabilidade. Esiximos desde a Plataforma que prohiban a fumigación aérea deste veneno.

Pedimos máis ca nunca a todos os cidadáns e propietarios dos nosos montes, e aos veciños en xeral, que se unan a esta loita, e que reclamen as autoridades competentes dunha vez por todas, a prohibición total de uso, comercialización e distribución de todos os agrotóxicos, que a día de hoxe son tan perxudiciais para as nosas abellas, o noso medio, e en consecuencia a nosa saúde e á nosa capacidade de producir alimentos.

Unha reflexión sobre “[Comunicado de prensa] A protesta contra as fumigacións medra en Internet e chega aos Parlamentos Galego e Europeo

  1. Pero ¿ Qué es esto de que “la Administración autonómica se limita a autorizar la fumigación aérea mediante helicóptero” ? No es acaso obligación primordial de la Consellería de Medio Rural y de la de Medio Ambiente velar por la “salud” de nuestros campos y del medio ambiente, como dicen sus nombres? ¿ Y la Consellería de Sanidad ? ¿ Tampoco tiene nada que decir sobre el envenamiento de nuestras aguas y tierras ? No son ellos la Administración Autonómica. En algún lugar tiene que haber un reglamento en el que se explique a estos señores/as cúales son sus deberes:TIENEN QUE PROTEGER, no limitarse a autorizar los negocios de algunos a costa del envenenamiento de otros. No están cobrando un sueldo para ocupar una poltrona y dar respuestas de encefalograma plano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>