Abrumada pola presión dos internautas, a Xunta de Galicia retira de Facebook a súa propia comunicación sobre as fumigacións

Repasemos os feitos:

Capa promovendo a ciberacción sobre a páxina da Xunta en FacebookTarde do pasado venres 4 de maio: Unha ciberacción posta en marcha coa colaboración de Actuable, dispara unha avalancha de protestas na páxina oficial da Xunta en Facebook, ademais de botar a Twitter milleiros de mensaxes coas etiquetas #fumigacionsNON e #queremosAbellas.

Tarde do sábado 5 de maio: Os administradores da devandita páxina da Xunta en Facebook comezan borrar mensaxes deixadas polos usuarios como comentarios ao pé de todas as últimas novas presentes na páxina, ademais de na sección Recomendaciones.

A nota publicada o domingo a toda présa pola Xunta en Facebook, e que máis tarde retiraríanDomingo 6 de maio: A ciberacción continúa e por cada mensaxe que censuran os administradores, os usuarios que apoian a protesta contra as fumigacións deixan unha morea máis. Finalmente vense obrigados desde a Xunta, precipitadamente, a publicar unha nota tentando torpemente desmentir a toxicidade ou perigosidade das fumigacións, e que se limita a reproducir resumidamente as declaracións do Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, no Parlamento de Galicia o xoves día 3.

Luns 7 de maio: Os apoios recollidos por medio de Actuable chegan contra ás 12 da noite, a cifras de 80.000 sinaturas (e outras tantas mensaxes aos responsables de ASPAPEL e da Xunta). Os administradores da páxina da Xunta en Facebook, seguramente abrumados diante dos centos de mensaxes que se acumularan protestando pola súa nota e teimando en contra das fumigacións, deciden eliminar a nota con todas as mensaxes de protesta.

Nós queremos reproducir ao final deste texto esa patética nota xunto cos centos de mensaxes que puidemos capturar unhas horas antes de que a Xunta ordeara silencialos de vez (AVISO: A imaxe ocupa máis de 3 MBytes, así que a páxina pode tardar en cargarche).

Coidamos que a presión social na Rede está a superar a capacidade da Xunta de responder a ela, debido aos falsos argumentos con que tenta xustificar a súa colaboración e autorización ás fumigacións aéreas de pesticida tóxico planificadas polas papeleiras. Isto fainos confiar en que a masiva resposta cidadá obrigará a rectificar á administración do PP, que sen argumentos e coa lei e a ciencia en contra, e posto en escandalosa evidencia pola documentación revelada por ADEGA, non terá máis remedio que cancelar as previstas fumigacións e apostar por outros métodos moito menos agresivos co medio, coa fauna e coa saúde da poboación do país.

As fumigacións previstas son un escándalo imposible de xustificar, e a maneira como está tentando reaccionar a Xunta á contestacion social, é un escándalo máis que se produce diante dos ollos de toda Galiza e de toda España para vergonza dos que nos desgobernan.

Só lle queda unha saída á Xunta de Galicia: recuperar a sensatez e cancelar inmediatamente as fumigacións para cumpriren así as Directivas europeas e para protexeren a saúde da poboación, a fauna e a flora do país, e os sectores da apicultura e da agricultura galegas.

Captura das mensaxes de protesta ao pé da nota emitida de urxencia pola Xunta sobre as fumigacións

6 reflexións sobre “Abrumada pola presión dos internautas, a Xunta de Galicia retira de Facebook a súa propia comunicación sobre as fumigacións

  1. Pois noraboa polo éxito da ciberfoliada, pero eu non baixaría a guardia. Se a estas luras que nos pretenden gobernar lles interesase o que a xente di publicamente, non terían feito a mitade do que teñen feito. Penso que a presión terá que continuar tamén nos seus despachiños e a nivel de rúa e de monte ate que anuncien oficialmente a suspensión das fumigacións. E aínda así, eu non me fiaría e estaría mirando todolos días para o ceo e para o que se move polas pistas forestáis, que éstes son moi seus. Un saúdo.

  2. Pingback: A Junta retira do seu facebook a comunicaçom sobre as fumigações com flufenoxurom

  3. Vimos de comprobar que eliminaron todas as mensaxes postas como comentarios ao pé das súas novas. Curiosamente (non saberán? non poderán?) na zona de Recomendacións aínda figuran todas as que deixaron aí os usuarios do Facebook. Agora mesmo suman unhas 3.873!! 🙂

  4. Tes toda a razón. Xose. Non hai que baixar a garda. Non se trata do que a xente “digamos” senón que hai que buscar plasmacións prácticas desta reclamación. Xa viches neste mesmo web que do primeiro que fixo a Plataforma foi presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente para que suspendesen as fumigacións.

  5. Ola! Os comentarios están aínda na páxina da Xunta do Fb. Hai que buscalo post en entradas anteriores. lembrade que o Fb é un medio onde as novas permanecen pouco tempo no muro porque son substituídas polas mais recentes. De momento, a Xunta non censurou nada e aínda se poden facer comentarios no post. Non convén difundir cousas que non sexan certas. Un saúdo e seguimos loitando contra as fumigacións

    • Pode ser como dis, Patricia, pero eu puiden comprobar en persoa como me borraban mensaxes que deixei esta mañá. Efectivamente poden aproveitarse da caducidade das novas que van indo para abaixo pero borrar, xa comprobamos varias persoas que o estaban a facer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.