Pretenden fumigar na Costa da Morte cun produto químico tóxico

Noticia aparecida no web ANosaCosta.es o día 11/05/2012:

Pretenden fumigar a comarca cun produto químico tóxico

Varias entidades advirten da toxicidade e dos efectos nocivos que terá a acción.

Co obxetivo de combater a praga no goníptero nos eucaliptais, ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón) pretende impulsar unha campaña de fumigacións en distintos puntos de Galicia.

A polémica xurde pola prevista utilización do flufenoxurón, unha sustancia tóxica e que quedará prohibida desde o vindeiro mes de agosto en toda a Unión Europea. Este dato puxo en alerta a diversos colectivos que se agruparon entorno a plataforma fumigacionsnon.org, e que piden que non se leven a cabo estas fumigacións aéreas masivas polos efectos para o medio ambiente.

Equo presentou unha denuncia ante a UE contra o goberno español, a Xunta e o concello de Melide pola publicidade e a permisividade neste asunto. Desde o partido que dirixe López de Uralde advirten que o produto en cuestión terá serios “efectos nocivos” para a flora, o solo, a saúde humana e a fauna, e especialmente, para as colonias de abellas.

Desde Verdegaia acusan a Xunta de “connivencia”, e desde Adega pensan que “A Xunta podería estar sendo cómplice, dun delicto contra a saúde das persoas eo medio ambiente”.Tamén sindicatos como o Sindicato Labrego Galego e colectivos como a asociación de apicultores de Galicia presentaron unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente.

Algún lector púxose en contacto con Anosacosta denunciando está situación, e efectivamente segundo a documentación difundida por Adega, Santa Comba, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Fisterra, Corcubión, Ponteceso e Cabana están no mapa de fumigacións.

A nova, noutra versión lixeiramente diferente, apareceu tamén no web ANosaGalicia.es.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *