APDR marcha contra as celulosas

Un ano máis, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca a MARCHA CONTRA CELULOSAS; desta volta a data elexida é a do SÁBADO 2 DE XUÑO e sairá ás 19:30 horas das alamedas de Marín e Pontevedra.

Para a APDR este ano a Marcha faise máis necesaria que nunca, xa que tanto ENCE coma ELNOSA pretenden ficar en Lourizán máis alá do 2018, e tratan de conseguir unha prórroga de 30 anos que podería vir da man da modificación da Lei de Costas que pretende facer o PP, pero, ademais, ENCE é a responsábel das fumigacións que nos ocupan e preocupan a todos/as nós, como é responsábel tamén da introdución do gorgullo na Galiza.

Desde a Plataforma contra as fumigacións apoiamos a convocatoria da APDR e animámosvos a acudir á marcha.

Reproducimos o panfleto que a APDR publica de cara á marcha e que podes descargar aquí:

ENCE E ELNOSA NÉGANSE A MARCHAR DE LOURIZÁN…. BOTÉMOLOS XA!

A situación de crise económica pola que atravesamos é aproveitada por ENCE e ELNOSA para botarlle un pulso á administración negándose a marchar de Lourizán e para chantaxear á poboación coa ameaza da perda dos postos de traballo. Coñecedores de que nas situacións de crise un amplo sector da poboación subordina calquera outra cuestión á perda de emprego, pretenden forzar unha nova prórroga da concesión, que podería chegar a ser de 30 anos e viría da man dunha modificación da Lei de Costas que o goberno do PP está a estudar.

E nesta situación, e por máis que ENCE pretenda minimizar o seu alcance, unha sentenza do Tribunal Supremo que admite parcialmente un recurso da APDR contra o acordo de supramunicipalidade asinado pola Xunta de Fraga no ano 2003, vén asestar un duro golpe ás pretensións empresariais de continuar na ría máis alá do 2018. ANULA NA SÚA TOTALIDADE O ACORDO, que permitía a ENCE eludir o control urbanístico por parte do Concello de Pontevedra, e declara a NULIDADE de todas aquelas decisións adoptadas en función da súa aplicación. E aquí radica precisamente a importancia da sentenza; entre outras cousas porque a Xunta concedeulle a ENCE a AAI sen o preceptivo Informe de compatibilidade urbanística do Concello argumentando a súa innecesariedade en base ao acordo agora anulado.

Neste sentido, desde a APDR esiximos a paralización do proceso de renovación da AAI a ENCE e que se inicie de novo a súa tramitación, obrigándolle á empresa –coma a calquera outra- a solicitar o informe urbanístico ao Concello.

Con todo, e a pesar desta nova vitoria, na APDR sabemos que a loita non vai ser doada; nunca o foi; pero sabemos tamén que a nosa mellor arma é a mobilización, que con seguridade o nivel de oposición social ao complexo inflúe nas decisións xudiciais, como inflúe nas decisións políticas.

Por iso, hoxe máis que nunca, é necesario conseguir unha importante participación na MARCHA CONTRA CELULOSAS do vindeiro sábado día 2; temos unha oportunidade inmellorábel para demostrar que non aceptamos chantaxes, que imos seguir loitando por todos os medios ao noso alcance para que se cumpra a lei e as decisións xudiciais e que non imos mudar o noso obxectivo, que non é outro que a desaparición do complexo ENCE-ELNOSA da nosa Ría e a creación de postos de traballo de calidade derivados da explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos, un desenvolvemento que permita superar a crise económica actual e que é incompatíbel coa presenza de industrias contaminantes na Ría.

ENCE E ELNOSA NON SON A SOLUCIÓN Á CRISE… SON PARTE DO PROBLEMA!

SÁBADO 2 DE XUÑO

MARCHA CONTRA CELULOSAS

SAÍDA ÁS 19:30 DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA

AO REMATE: POLBADA NA PRAZA DA PEDREIRA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *