Os concellos comezan a posicionarse contra as fumigacións: Ribadeo dilles «NON»

Se o Concello de Melide o primeiro en avisar con bandos e a través da súa páxina web a veciños e veciñas para que autorizaran as fumigacións aéreas con Cascade agora é o Concello de Ribadeo o primeiro en facer o contrario: recomenda á veciñanza que non fumiguen.

Desde a Plataforma aplaudimos a iniciativa deste concello e esperemos que a partir de agora sexan moitos os que se manifesten en contra das fumigacións.

Achegamos unha copia das declaracións colgadas no web do Concello de Ribadeo:

O FLUFENOXURÓN É MOI PERIGOSO PARA A VIDA ACUÁTICA
Coidado coas fumigacións dos montes
31/05/2012

O alcalde, Fernando Suárez, ven de asinar un bando informativo dirixido a todos os posuidores de montes que precisen levar a cabo labores de fumigación para que non utilicen o flufenoxurón, dadas as fatais consecuencias que o seu uso pode xerar para o medio ambiente e para a saúde das persoas. Trátase dun principio activo de varios insecticidas que ata o de agora se empregaba para loitar contra as pragas de gurgullo.

O edil nacionalista Horacio Cupeiro explicou que “este asunto se abordou no encontro que mantivemos o pasado venres. O flufenoxurón estáse a utilizar para as fumigacións nos eucaliptos contra o gurgullo. A xuntanza foi moi entretenida, había veterinarios, enxeñeiros agrícolas, todos especialmente preocupados polo que está a suceder. Todos sabemos que a Xunta está a ofrecer fumigar gratuitamente os montes e os propietarios poden darlles autorización para que así o fagan”. Horacio Cupeiro dixo que “o regulamento de execución 942/2011 da Unión Europea determinou a non aprobación desta substancia activa, o flufenoxurón, o que supón na práctica e en resumo que os bioidas que a conteñan quedarán sen autorización a partires do 1 de agosto de 2012”.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “o flufenoxurón é un biocida de baixa degradabilidade e moi perigoso para a vida acuática; pode matar insectos, non só o gurgullo, senón tamén as abellas e calquera que inxira algo que estea pulverizado con esta substancia, dado que é un insecticida xenérico”. Horacio Cupeiro relatou que “eu levo tempo falando con técnicos e con persoas autorizadas na materia para poder saber que é o que hai detrás de todo isto. Cando un sabe que este produto pode ser nocivo para a vida acuática ou incluso para a saúde das persoas debe tomar precaucións”.

O equipo de goberno levará ao vindeiro pleno unha moción para abordar este asunto “e ao mesmo tempo sacamos un bando para que os veciños saiban de qué se trata. Nós pregámoslles aos posuidores dos montes que precisen levar a cabo labores de fumigación que non utilicen estes produtos desde xa mesmo, dadas as fatais consecuencias que o seu uso pode xerar para o medio ambiente e para a saúde das persoas”. Cupeiro manifestou que “empregar este produto non é a solución, será mellor cortar desde xa este tipo de pulverizacións dadas as dúbidas que ten a Unión Europea de que realmente isto pode ser nocivo para as especies acuáticas e non se sabe si para o resto, deixemos polo tanto de empregar xa o flufenoxurón”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *