Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Sigue lendo

Denuncian que os plans de fumigación continúan, agora en Lousame

ADEGA trasmitiu esta semana ao resto de membros da Plataforma contra as Fumigacións que a empresa Fitoaragón está a facer xuntanzas cos propietarios dos montes no concello de Lousame e que entregou o seguinte formulario aos representantes das comunidade montes para que autoricen a fumigación co Cascade, un pesticida que —lembramos— xa está prohibido vender:

D./Dna………….. con DNI nº ………teléfono de contacto nº ………….

maior de idade, en calidade de Presidente/Secretario da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común) (CMVMC) de …………………………

sita no Concello de …………………..

Con fin de realizar os traballos fitosanitarios, mediante tratamento químico con medios aéreos e/ou terrestres, contra o gorgullo do eucalipto.

AUTORIZA

1. A tratar o Monte Veciñal en Man Común de …………………..

2. A que a empresa Fitoaragón,SL. leve a cabo os trámites oportunos para que estes traballos fitosanitarios podan executarse.

3. A que a empresa Fitoaragón SL, realice estes tratamentos, unha vez sexan autorizados pola autoridade competente de sanidade vexetal, dentro do Plan de Loita integral contra o gorgullo nos eucaliptais de Galicia e da Cornisa Cantábrica.

Estos tratamentos aplicáranse en virtude do establecido no artigo 9 da Directiva 2009/128 do parlamento europeo e do consello do 21 de outubro de 2009, polo que se establece un marco de actuación comunitario para conseguir un uso sostenible dos praguicidas, así como no disposto na lei 43/2002, de 20 de novembro de 2002 de sanidade vexetal.

José Francisco García Cebrián. Fitoaragón, S.L.

C/Laurel, 15- La Puerta de Alfindén (Z)- tel 976 107 504

Isto demostra que moi discretamente os plans fumigatorios continúan adiante en Galiza e que aínda é preciso alertar á poboación e denunciar as prácticas de quen está detrás deste atentado ecolóxico.