Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Entre os efectos deste insecticida figura, na propia etiqueta do produto —aínda que o neguen teimuda e descaradamente tanto a Xunta de Galicia como ENCE e determinados técnicos que traballan pagos polos cidadáns— que é tóxico para as larvas das abellas e para os organismos acuáticos. Por se fose pouco, os documentos da Comisión Europea calíficano de «persistente, bioacumulable e tóxico». Á vista destes riscos, en canto a Asociación Galega de Apicultores (AGA) comeza dar a voz de alarma en abril, ponse en marcha a resposta social no país. Unha recollida de sinaturas online dá a coñecer a inminente ameaza e acada milleiros de apoios nas seguintes semanas (a día de hoxe, 106.000*) que van acompañados de senllas mensaxes de e-mail aos responsables da Xunta de Galicia e de ASPAPEL. Ao pouco fórmase unha Plataforma contra as Fumigacións e por un futuro sen pesticidas, na que se xuntan medio cento de organizacións, algunhas tan representativas como AGA, SLG, Adega, Verdegaia, FRUGA, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega e diversos colectivos sociais, agricultores ecolóxicos, centros sociais e asembleas do movemento dos indignados. A intensa actuación da plataforma tanto na Internet (incluíndo bombardeo de mensaxes na páxina da Xunta en Facebook, campañas en Twitter baixo os lemas #queremosAbellas e #fumigacionsNON) como na rúa comeza a preocupar o goberno galego que se ve obrigado a dar explicacións en sede parlamentar á oposición, e co transcorrer das semanas vaise desmarcando timidamente do plan alegando que eles limítanse a autorizar as fumigacións pero só no caso de seren aéreas e repetindo unha e outra vez que o uso do pesticida aínda está permitido* e que non hai razón para a alarma social xenerada.

A Plataforma contra as Fumigacións comeza entón a espallar a súa acción localmente e vaise estabelecendo unha rede de informadores que asiste ás xuntanzas que realizan as asociacións forestais cómplices do plan fumigatorio para recabaren sinaturas dos propietarios individuais en diversos puntos do país, e logran que prevaleza o sentido común e se neguen a darlles esas autorizacións. ADEGA saca tamén á luz un mapa coa localización dos puntos onde se pretende fumigar, información que é trasmitida inmediatamente pola Plataforma e circula compridamente pola Rede. Tamén comezan a chegar probas gráficas sobre fumigacións realizadas de xeito máis discreto, desde terra e por medio de canóns nebulizadores, enviadas por veciños preocupados que fotografían as camionetas. O que se pretendía unha masiva fumigación aérea sen coñecemento do público, salta ás páxinas da prensa e obriga aos seus promotores a tentar algo máis discreto cós helicópteros previstos inicialmente e a se limitaren ás fincas da súa propiedade (Norfor, filial de ENCE).

A día de hoxe a o rebumbio mediático minguou pero a ameaza segue presente, coma unha espada de Damocles tóxica pendendo sobre centos de milleiros de hectares de monte galego, sobre as augas e sobre o alimento de boa parte da poboación do país. Por iso a Plataforma contra as Fumigacións ven de poñer en marcha coa colaboración dos cidadáns unha campaña de mocións municipais que xa logrou que concellos coma Tui, Mondoñedo, Ribadeo, Redondela, Narón, Oleiros, Vilaboa, Ares ou Valdoviño se posicionasen en contra das fumigacións. As industrias que só queren ver nos nosos montes unha fonte de papel e biomasa están sendo favorecidas polo actual goberno, se cadra tamén interesado en que o rural galego vire inhabitable para os seres humanos e así deixar o campo libre para a actuación destas empresas. Doutra maneira non se comprende a colaboración con este tipo de plans, ou en xeral coa implatación de monocultivos e a posta en marcha de lexislacións como a Lei de Augas ou a Lei de Montes. Nun momento histórico no que se debería apoiar a base natural da economía do país dunha maneira sostible, favorecendo non só a permanencia senón a progresiva implantación de máis poboación no rural, e apostando pola soberanía alimentar para afrontarmos o progresivo colapso do modo de vida industrial, o que se fai é xusto o contrario: contaminar masiva e persistentemente o ecosistema e destruír elementos críticos do mesmo, como son os insectos polinizadores, para salvar a pasta do papel. Por se tivésemos pouco coa degradación de chans e acuíferos provocadas durante as pasadas décadas polo monocultivo celulósico do eucalipto, por se fosen poucos os lumes forestais que favorecen, agora queren que sacrifiquemos o noso dereito a cultivar a nosa propia comida nun van intento de defendelos dunha praga que eles mesmos favoreceron? O eucalipto demostra ser cada vez máis incompatible co noso futuro.

Notas

  1. Posteriormente á data na que se redactou o artigo e sen dar ningunha xustificación, Change.org rebaixou a cifra de sinaturas por baixo das 100.000, non sendo a primeira vez que alteran o contador sen aviso previo. Cando publicamos esta versión online as novas sinaturas recibidas xa fixeron que o contador vaia de novo por máis de 97.000
  2. A día de hoxe xa entrou en vigor a prohibición de venda, tras ser anteriormente prohibida a súa fabricación. A partir do 1 de xaneiro será tamén prohibido o seu uso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *