Resposta do Valedor do Pobo á Plataforma contra as fumigacións

Reproducimos a resposta do Valedor do Pobo logo de esta institución ter feito xestións coas consellarías competentes pola súa negativa a facilitaren información acerca das fumigacións con flufenoxurón.

Salientamos da resposta un dato fundamental: Finalmente a Xunta de Galicia non deu autorización á prevista fumigación aérea, desentenséndose das outras que se puidesen facer desde terra.

A continuación extraemos un fragmento do documento do Valedor no que se reproduce a contestación que lles deu a Xunta (en concreto a Secretaría Xeral de Montes e Medio Rural) en data non precisada pero posterior en todo caso ao 12/09/2012 e anterior ao 28/11/2012. Salientamos nós en negriña a confirmación de que, como reclamaba a nosa plataforma, eran ilegais os tratamentos aéreos:

Asunto: fumigacións de eucaliptus – petición do valedor do pobo C.6Q/2093/12

Recibida a petición do valedor do pobo comunicación con data 10-09-2012 n.0 R.E. 136393 relacionada cos tratamentos co produtos fitosanitario cascade composto pola materia activa Flufenoxuron relacionada cos tratamentos para o control da praga do gorgullo do eucalipto Gonpiterus scutellatus Gyllenhal infórmase que:

1- O formulado comercial Cascade (Flufenoxuron10%[DC] PÁX./V) está autorizado na actualidade en España para tratamentos en pulverización a ultrabaixo volume contra Gonipterus. A data de caducidade do produto no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio ambiente é o 31-12-2011, o límite de venda é ata o 30-06-2012 e a data de emprego polos silvicultores é de ata o 30 de decembro de 2012.

2- Na ficha do Produto do Ministerio figura como pouco perigoso para as abellas.

3- A Consellería do Medio rural e do Mar non comunicou a particulares nin a institucións a obrigatoriedade do tratamento contra o gorgullo do eucalipto nin instou a que as masas de eucaliptus fosen tratados (sic).

4- A Consellería de Medio Rural e do Mar resolveu desfavorablemente a petición de aplicación de tratamentos aéreos contra o gonipterus con cascade por parte dunha empresa do sector, logo de solicitados os pertinentes informes dado que ao seu xuízo non se xuntaban os condicionantes previstos na directiva 128/2009/CE para este tipo de tratamentos.

5- É posible que fosen dados de maneira puntual tratamentos contra os gonipterus con cascade desde terra mediante equipos de aplicación de produtos fitosanitarios de gran alcance, no (sic) obstante estes tratamentos non están suxeitos a unha autorización específica por parte da autoridade competente de Galicia (como sucede cos tratamentos aéreos) e poden realizarse sempre que a persoa ou empresa responsable que o aplique estea en posesión do carné de aplicador de produtos fitosanitarios correspondente (básico ou cualificado) e os tratamentos se fagan consonte ao autorizado no rexistro (dose, praga, hospedante, sistema de aplicación, medidas de seguridade e de protección do ambiente, etc) e a normativa vixente cuxa última lexislación publicada é o RD 1311/2012 de 14 de setembro, pola que se establece (sic) o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, cuxo cumprimento se controla pola inspección oficial de sanidade vexetal, no (sic) detectándose ata o de agora incumprimentos neste asunto.

O Valedor indica na súa carta que o feito de a Consellería non responder en prazo legal á demanda de información presentada pola Plataforma será obxecto dun informe crítico que o Valedor presentará proximamente no Parlamento de Galiza.

A Plataforma contra as Fumigacións – por un futuro sen pesticidas emitirá en breve un comunicado avaliando a información obtida polo Valedor do Pobo.

Descargar a resposta do Valedor do Pobo (en PDF).