O noso Manifesto

MANIFESTO DA PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS

(Versión íntegra.)

[ACTUALIZACIÓN DICIEMBRE 2012] A presión social consegue que a Xunta desautorice as fumigacións aéreas co pesticida Cascade.

A “PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS” queremos poñer en coñecemento da cidadanía que:

  • A patronal pasteira (ASPAPEL: Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón) coa colaboración da transnacional química BASF e a connivencia da Xunta (Secretaría xeral do Medio rural e Montes) pretenden fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico (principio activo Flufenoxuron, nome comercial Cascade) os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus). Actuación que por outra banda non é a primeira, xa que con anterioridade foi usado o Confidor (principio activo Imidacloprid), insecticida que na actualidade se segue usando en hortos, invernadoiros, froiteiras, patacas, sementes como as do millo, etc. e que reza na súa etiqueta “moi perigoso para as abellas”.
  • Estes pesticidas sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, e en consecuencia do abandono do sector por parte duns 1.300 abelleiros nos últimos dez anos. Nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas, e por termo medio nestes 3-4 anos desapareceu máis do 50% da cabana apícola galega. Isto convértese nun grave problema a nivel mundial xa que as abellas (e especies achegadas como os abellóns) cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade, e de moitas outras das que se alimenta o ser humano (informa a Asociación Galega de Apicultura que o 80% das plantas con flores e o 84% das plantas cultivadas son polinizadas polas abellas, e que o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos). Se as abellas desaparecen, como os científicos veñen alertando desde hai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Enstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.
  • Este plan supón, polo tanto, un ataque salvaxe á nosa soberanía, á máis importante das soberanías que pode ter un pobo, que é a de se poder alimentar a si mesmo. O obxectivo final é arrasar Galiza para convertela toda ela nun ermo onde non nazan máis que eucaliptos, e onde as persoas deban depender de importar comidas e pensos para poder vivir. Iso, nun contexto de devalo do petróleo que encarecerá en gran medida a produción e mais o transporte de todo tipo de bens, incluídos os alimentos, supón que a longo prazo sexa totalmente insostible dende o punto de vista enerxético.
  • A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación, como se demostra no Estudo “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana”, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires). Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais (afectando a especies protexidas), a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira), e ademais as zonas habitadas debido á gran dispersión da poboacíon galega. Estes agrotóxicos tamén supoñen un grave problema de contaminación da auga por mor da dispersión de moléculas altamente tóxicas, polo tanto para nós os consumidores que poderíamos atopar estas toxinas na auga de rego ou de consumo. Alén do perigo para nosa saúde, como se demostra no estudo de Jeong J, 2010 “A case of human poisoning with a flufenoxuron-containing insecticide”, estaríamos contaminado un dos acuíferos mais importantes que se atopan no noso monte e que fornecen de auga potable as poboacións máis rurais da Galiza.
  • Tamén poñer en coñecemento da cidadanía que as fumigacións aéreas quedan suprimidas pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se establece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas (publicada o 24 de novembro de 2009 no Diario Oficial da Unión europea L 309/71) que establece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poida substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser trasposta polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.
  • Xunto á aplicación masiva deste veleno, xenerosamente promovido pola patronal pasteira “sen custo algún para os propietarios dos montes” e avalado pola Xunta, vai incluído un biocida, un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens).
    Como ben se demostra no estudo feito polo Centro de Investigacións Forestáis e Ambientáis de Lourizán “Efectos de dos insecticidas de síntesis y de dos bio-insecticidas sobre el defoliador del eucalipto Gonipterus scutellatus Gyllenhal y su agente de control biológico Anaphes nitens Girault”, o Cascade matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros, polo que sería absurdo e contraditorio fumigar a masa forestal de eucaliptos con produtos químicos á vez que se está tratando coa avispa. Tratamentos biolóxicos que por outra banda se veñen aplicando dende fai anos, e que segundo as propias fontes da Xunta de Galicia, continúan na actualidade, polo tanto estarían acabando co traballo feito ate o de agora.
  • Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio (procedendo remitirse, no plano normativo, á Directiva 91/414/CEE, de 15 de xullo de 1991 e o Real Decreto 255/2003, de 28 de febrero, polo que se aproba o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetado de preparados perigosos). O período de graza concedido polos Estados membros para ser retiradas as súas existencias totalmente expira, como moi tarde, o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas industrias interesadas, neste caso BASF, en vender os seus stocks de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado Terceiro Mundo, acto o cal tamén denunciamos.

Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que:

  • Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos —sabéndose os nefastos efectos secundarios que traen canda si—, estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna galegas, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madereiras e de produción de celulosa, agrocarburantes e agromasa; a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.
    Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país, como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias.
  • A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e calquer agrotóxico, xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente, como a producción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servicio natural gratuíto e dun incalculable valor.
  • Denunciamos que o principal responsábel da pragas é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza e que representa o 80% das cortas anuais no estado español. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en desertos verdes causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución é outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, fomentando o uso social dos nosos montes para que estes sexan unha parte importante e insustituíble do noso patrimonio cultural que temos o deber e a obriga de preservar. Unha alternativa baseada na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para correxir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa ao abandono do monte e a xeración de emprego.
  • Pedimos que nestas medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías, que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública, segundo demostra o profesor Belpomme da Universidade de Paris, oncólogo eminente, referente aos pesticidas e saúde humana: “Hoxe podemos dicir que existe unha relación entre pesticidas e cancro, parkinson entre xente nova, malformacións conxénitas do aparello reproductor, infertilidade masculina e problemas nerviosos”.

Con todo o manifestado defendemos “A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural, que só se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía”.

Asinan as entidades integrantes da Plataforma.

4 reflexións sobre “O noso Manifesto

  1. É unha desgraza o que están a facer desde hai ben de anos coa Nosa Terra.
    E todo co consentimente político -unhas veces, interesado e outras, froito da ignorancia e o medo- da xente que a habita.

  2. E por que nos fumigades na casa de Feijó? ou na de todos esos fillos de puta os que chamamos politic@s.
    Yo les llamo politicuchos de merda, sinvergüenzas, chorizos, ladrones,estafadores……. cuanto nos queda por oir y ver para salir a la calle y defender nuestros derechos??????No os dais cuenta de que pagamos pagamos, pagamos, y ell@s con nuestro dinero hacen lo que les sale de los cojoneS?????????YO NO QUIERO VIVIR EN ESTA SOCIEDAD DE MIERDA

  3. Buenos dias, yo ya firmé, y muchos de mis contactos tambien. La cuestión es que recibí una respuesta que como figura en inglés, no pueden firmar algo que no entienden. Habría una forma de recibir la misma propuesta en castellano? Gracias. Betty Bonanni.

    • Gracias por el aviso, Betty. No sabíamos de ese mensaje en inglés, será cosa de Change, imagino. ¿Podrías enviárnoslo para hablar con ellos a ver qué ha pasado? Sólo hace unos días que está ese web en castellano y es posible que se les hayan quedado cosas sin traducir. Por nuestra parte ya ves que la campaña en Change está en castellano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *