A presión social consegue que a Xunta desautorice as fumigacións aéreas co pesticida Cascade

VITORIA!!! Detivemos as fumigacións asasinas!!Dabamos conta neste mesmo blog hai uns días da comunicación que nos enviara o Valedor do Pobo, achegándonos unha información que a Xunta de Galicia agochara. Onte enviamos aos medios galegos a seguinte o seguinte comunicado de prensa avaliando esa información, que demostra que a Plataforma logrou o seu obxectivo e que o sentido común (e a Lei) impuxéronse sobre os intereses económicos por tras destas perigosas fumigacións.

(Traducción al castellano, más abajo.)

Seguir lendo

Preséntase no parlamento galego unha iniciativa para protexer as abellas e prohibir os plaguicidas neonicotinoides e fenilpirazoles

Reproducimos o texto da iniciativa parlamentar presentada polo deputado Antón Sánchez García, de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) da que xa daba conta a prensa o pasado día 6 de decembro:

Parlamento de GalizaO grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a iniciativa do seu deputado Antón Sánchez García e a través da súa Vicevoceira Yolanda Díaz Pérez, e ao abeiro no disposto no artigo 160 do Regulamento do Parlamento de Galiza presenta ante a Mesa a seguinte Proposición Non de Lei relativa á preservación dos insectos polinizadores e da supresión da moratoria sobre os pesticidas da familia dos neonicotinoides e fenilpirazoles, para o seu debate en Comisión.
Seguir lendo

Resposta do Valedor do Pobo á Plataforma contra as fumigacións

Reproducimos a resposta do Valedor do Pobo logo de esta institución ter feito xestións coas consellarías competentes pola súa negativa a facilitaren información acerca das fumigacións con flufenoxurón.

Salientamos da resposta un dato fundamental: Finalmente a Xunta de Galicia non deu autorización á prevista fumigación aérea, desentenséndose das outras que se puidesen facer desde terra.

A continuación extraemos un fragmento do documento do Valedor no que se reproduce a contestación que lles deu a Xunta (en concreto a Secretaría Xeral de Montes e Medio Rural) en data non precisada pero posterior en todo caso ao 12/09/2012 e anterior ao 28/11/2012. Salientamos nós en negriña a confirmación de que, como reclamaba a nosa plataforma, eran ilegais os tratamentos aéreos:

Asunto: fumigacións de eucaliptus – petición do valedor do pobo C.6Q/2093/12

Recibida a petición do valedor do pobo comunicación con data 10-09-2012 n.0 R.E. 136393 relacionada cos tratamentos co produtos fitosanitario cascade composto pola materia activa Flufenoxuron relacionada cos tratamentos para o control da praga do gorgullo do eucalipto Gonpiterus scutellatus Gyllenhal infórmase que:

1- O formulado comercial Cascade (Flufenoxuron10%[DC] PÁX./V) está autorizado na actualidade en España para tratamentos en pulverización a ultrabaixo volume contra Gonipterus. A data de caducidade do produto no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio ambiente é o 31-12-2011, o límite de venda é ata o 30-06-2012 e a data de emprego polos silvicultores é de ata o 30 de decembro de 2012.

2- Na ficha do Produto do Ministerio figura como pouco perigoso para as abellas.

3- A Consellería do Medio rural e do Mar non comunicou a particulares nin a institucións a obrigatoriedade do tratamento contra o gorgullo do eucalipto nin instou a que as masas de eucaliptus fosen tratados (sic).

4- A Consellería de Medio Rural e do Mar resolveu desfavorablemente a petición de aplicación de tratamentos aéreos contra o gonipterus con cascade por parte dunha empresa do sector, logo de solicitados os pertinentes informes dado que ao seu xuízo non se xuntaban os condicionantes previstos na directiva 128/2009/CE para este tipo de tratamentos.

5- É posible que fosen dados de maneira puntual tratamentos contra os gonipterus con cascade desde terra mediante equipos de aplicación de produtos fitosanitarios de gran alcance, no (sic) obstante estes tratamentos non están suxeitos a unha autorización específica por parte da autoridade competente de Galicia (como sucede cos tratamentos aéreos) e poden realizarse sempre que a persoa ou empresa responsable que o aplique estea en posesión do carné de aplicador de produtos fitosanitarios correspondente (básico ou cualificado) e os tratamentos se fagan consonte ao autorizado no rexistro (dose, praga, hospedante, sistema de aplicación, medidas de seguridade e de protección do ambiente, etc) e a normativa vixente cuxa última lexislación publicada é o RD 1311/2012 de 14 de setembro, pola que se establece (sic) o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, cuxo cumprimento se controla pola inspección oficial de sanidade vexetal, no (sic) detectándose ata o de agora incumprimentos neste asunto.

O Valedor indica na súa carta que o feito de a Consellería non responder en prazo legal á demanda de información presentada pola Plataforma será obxecto dun informe crítico que o Valedor presentará proximamente no Parlamento de Galiza.

A Plataforma contra as Fumigacións – por un futuro sen pesticidas emitirá en breve un comunicado avaliando a información obtida polo Valedor do Pobo.

Descargar a resposta do Valedor do Pobo (en PDF).

Demóstrase a relación entre pesticidas e a enfermidade de Parkinson

Un grupo de científicos do Instituto de Anatomía de Dresden dirixidos polo galego Francisco Pan-Montojo confirmou a relación directa entre exposición crónica a pesticidas e a proteína implicada na progresión da enfermidade de Parkinson. O estudo publícao hoxe a revista Nature Scientific Reports. A noticia apareceu no telediario da TVE do pasado día 30 de novembro:

Ao parecer, a relación entre o pesticida rotenona e o Parkinson xa fora estabelecida en 2010 por Pan Montojo:
Seguir lendo

Cada año en el mundo se intoxican cerca de 3 millones de personas por el uso de agrotóxicos

Graciela GómezCon motivo do Día Internacional para a Loita contra os Plaguicidas (3 de novembro) reproducimos este artigo da avogada arxentina Graciela Cristina Gómez, publicado en Ecoportal e que chegou a nós vía Rebelion.org:

Cada año en el mundo se intoxican cerca de 3 millones de personas por el uso de agrotóxicos. Mueren más de 220 mil. Esto significa 660 muertes por día, 25 muertes por hora. El programa de vigilancia epidemiológica de los Ministerios de Salud y la Organización Panamericana de la Salud en 7 países de Centro América, estima que cada año, 400.000 personas se intoxican por plaguicidas.
Seguir lendo

A fiscalía de medioambiente arquiva a denuncia da Plataforma contra as Fumigacións

Con data do 1 de outubro o fiscal delegado de medioambiente comunicou aos representantes da Plataforma contra as Fumigacións, en relación á denuncia que presentáramos en abril, o seguinte:

no se van a iniciar acciones de clase alguna al no estimar de los antecedentes suministrados la existencia de delito alguno

A Fiscalía informa de que solicitou información sobre as fumigacións á Consellaría de Medio Rural e Mariño, concretamente á Subdirección Xeral de Recursos Forestais. Desde a Xunta contestáronlles o día 11 de xuño que «no existe aprobado plan de aplicación aérea del citado producto [o flufenoxurón], que se usa la lucha biológica contra dicha plaga, que la ejecución del citado plan no tiene naturaleza pública, y que su utilización privada y aérea está sujeta a control de la administración».

O cal podemos interpretar como que:

  1. O plan existe, aínda que eles non o tiñan aprobado (na data de xuño en que contestaron).
  2. Recoñecen que se simultanea loita biolóxica e loita química.
  3. Que eles teñen que controlar as fumigacións aéreas.

Tamén di a Fiscalia que consultou co Instituto español de Toxicoloxía e coa Facultade de Farmacia, «en los [???] que se advierten los riesgos detectados en la documentación de las instituciones comunitarias». Aínda que a redacción deste punto no comunicado da fiscalía é confusa, entendemos que estas institucións confirmaron a toxicidade para as persoas e o medio natural.

Malia o contestado pola Xunta, conclúe a Fiscalía: «No habiendo planes específicos como los denunciados, siendo así informados por la administración, procede el archivo de las presentes al no concretarse el riesgo derivado de la utilización del producto». (A negriña é nosa.)

A Fiscalía interpreta que a Xunta di que non hai plans de fumigar, aínda que pola contestación (tal e como a trasmite a Fiscalía) pode entenderse que o din é que o plan existe pero non é da Xunta, senón de ASPAPEL. Resulta sorprendente que non requerisen información desta organización para verificar se o plan existía, aínda que fose privado.

De todos xeitos, desde a Plataforma contra as Fumigacións queremos facer notar que a non apreciación de delicto (penal) por parte do Fiscal non supón que non o haxa (administrativo, ecolóxico…). Tamén lembramos que está aínda pendente a queixa que admitíu o Valedor do Pobo e que pode dar pé a ulteriores accións xudiciais, mesmo penais.

O que non detivo a Fiscalía foi impedido pola contestación social e polas accións, mobilizacións e denuncias desta Plataforma que lograron atrancar, diminuir ou evitar a masiva e silandeira fumigación que tiñan previso realizar en todo o país.

Eleccións e fumigacións: Que partidos galegos prometen parar as fumigacións?

Fumigacións NON! Tamén nas eleccións ao parlamento galego!Reproducimos o resultado dun cuestionario que foi enviado aos partidos galegos que concorren ás eleccións do 21 de outubro en Galiza e que foi publicado no blog de Casdeiro, promotor da recollida de sinaturas online en contra do plan fumigatorio de Aspapel e os seus compinches.

A pregunta

1) Que medidas vai tomar o voso partido ou coalición, se alcanza responsabilidades de goberno, para impedir as fumigacións co pesticida Cascade en Galicia.

2) Que outras medidas relativas ao uso de pesticidas químicos pensades poñer en marcha se gobernades na Xunta, en especial as relativas a pesticidas tóxicos para as abellas e outros insectos polinizadores.

Seguir lendo

O Partido da Terra denuncia a continuidade das fumigações com flufenoxuron

O Partido da Terra fíxonos chegar o pasado día 5 esta nota de denuncia que agora reproducimos, relacionada tamén cos plans de fumigación en Lousame:

Fitoaragón quere fumigar con Cascade nos montes de LousameO flufenoxuron é um componente do pesticida químico Cascade, cuja comercialização foi proibida desde agosto de 2012. Semanas antes, a Associación española de Fabricantes de Pasta de Papel e Cartón financiou fumigações maciças com Cascade em mais de 100.000 hectares da Galiza para a luta contra o gorgulho do eucalipto (o Gonipterus scutellatus). A Junta da Galiza, em conivencia com os grandes grupos empresariais do setor, autoriçou a aplicação maciça do pesticida apesar de que se trata dum produto altamente tóxico, persistente e bioacumulável, não só para insectos e fauna, senão que contamina o solo e os aquíferos.
Porém, a norma que proibiu a sua comercialização, PERMITE A SUA UTILIZAÇÃO DURANTE SEIS MESES MAIS. De modo que neste momento continuam a realizarem-se fumigações. As grandes empresas que utilizam eucalipto como matéria prima pagam o tratamento, para garantirem insumos baratos no futuro. O Cascade é fornecido de balde pelo fabricante (já que não se pode comercializar), e empresas locais ESTÃO SOLICITANDO AUTORIZAÇÃO de presidentes e secretários de mancomunidades de montes para poderem fumigar “grátis” esses terrenos com um produto tóxico proibido e facturarem a obra. Nas paróquias de Lousame empresas locais subcontratadas por Fitoaragón SL continuam a ofertarem este “choio” pedindo a assinatura em modelos como o da foto. E a Junta autoriza a fumigação amparando-se na normativa de sanidade vegetal. O único que se pode informar, para que NINGUÉM AUTORIZE FUMIGAR OS SEUS MONTES COM ESTE PRODUTO ALTAMENTE TÓXICO!

Lembramos que o PT é un dos partidos que desde o comezo do problema apoiaron a nosa Plataforma.

Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Seguir lendo

Denuncian que os plans de fumigación continúan, agora en Lousame

ADEGA trasmitiu esta semana ao resto de membros da Plataforma contra as Fumigacións que a empresa Fitoaragón está a facer xuntanzas cos propietarios dos montes no concello de Lousame e que entregou o seguinte formulario aos representantes das comunidade montes para que autoricen a fumigación co Cascade, un pesticida que —lembramos— xa está prohibido vender:

D./Dna………….. con DNI nº ………teléfono de contacto nº ………….

maior de idade, en calidade de Presidente/Secretario da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común) (CMVMC) de …………………………

sita no Concello de …………………..

Con fin de realizar os traballos fitosanitarios, mediante tratamento químico con medios aéreos e/ou terrestres, contra o gorgullo do eucalipto.

AUTORIZA

1. A tratar o Monte Veciñal en Man Común de …………………..

2. A que a empresa Fitoaragón,SL. leve a cabo os trámites oportunos para que estes traballos fitosanitarios podan executarse.

3. A que a empresa Fitoaragón SL, realice estes tratamentos, unha vez sexan autorizados pola autoridade competente de sanidade vexetal, dentro do Plan de Loita integral contra o gorgullo nos eucaliptais de Galicia e da Cornisa Cantábrica.

Estos tratamentos aplicáranse en virtude do establecido no artigo 9 da Directiva 2009/128 do parlamento europeo e do consello do 21 de outubro de 2009, polo que se establece un marco de actuación comunitario para conseguir un uso sostenible dos praguicidas, así como no disposto na lei 43/2002, de 20 de novembro de 2002 de sanidade vexetal.

José Francisco García Cebrián. Fitoaragón, S.L.

C/Laurel, 15- La Puerta de Alfindén (Z)- tel 976 107 504

Isto demostra que moi discretamente os plans fumigatorios continúan adiante en Galiza e que aínda é preciso alertar á poboación e denunciar as prácticas de quen está detrás deste atentado ecolóxico.