#LibresdeGlifosato. Chuvia de mocións para paralizar o uso de Glifosato en espazos públicos.

A acción #LibresDeGlifosato consiste en presentar mocións nos concellos para paralizar o uso de herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos.
É  unha campaña lanzada dende a paraugas fumigacionsNON.org 

 

Que é o glifosato?
O glifosato  é un composto que aparece en moitas marcas comerciais de herbicidas que  se están a usar de forma bastante común en lugares públicos para  realizar tarefas de mantemento, limpeza de malas herbas e prevención de  incendios.
infografiaWEBgalego
Detectouse glifosato no aire, a chuvia e mesmo nos nosos corpos. É moi soluble en auga e persistente no chan. Contamina os acuíferos, é tóxico para a fauna acuática, os  animais domésticos ou o gando, e esparéxese sen control polo subsolo.
Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Entre os efectos adversos deste principio activo describíronse toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías  espermáticas, e carcinogénesis.
Ademais, cada preparado de herbicida que contén glifosato  vén acompañado doutras substancias que facilitan a súa absorción e que  multiplican a súa toxicidade. Entre estes ingredientes están o N-nitroso glifosato que, como outros compostos nitroxenados, é canceríxeno, e o formaldehido, outro carcinóxeno coñecido que se forma durante a descomposición do glifosato.
Recentemente a International Agency for Research on Cancer pertencente á Organización Mundial da Saúde incluíu como probables carcinóxeno a unha serie de pesticidas organofosfatados, entre eles o glifosato: http://monographs.iarc.fr/ENG/Classification/
+ información e artigos sobre o glifosato en https://titanpad.com/glifosatoINFO
Países veciños como Francia estudan prohibir a súa venda a particulares.
Este herbicida non selectivo de amplio espectro deixouse de usar en moitos municipios do estado español.
En Galicia, Concellos como Ames, na Coruña, ou Ponteareas, declaráronse Libres de  herbicidas químicos; e outros como Marín, Poio, ou Arzua xa aprobaron esta moción.
Cidades como Madrid, Barcelona, Badalona, Sevilla, Logroño ou Zaragoza aprobaron recentemente deixar de usar glifosato.
No MAPA #LibresDeGlifosato pódense ver todos os Concellos onde se presentaron e aprobaron mocións.

Ti tamén podes pedir ao teu concello que deixe de usar glifosato en espazos públicos.
Descarga o documento MOCIÓN.pdf

manual galego

libresdeglifosato@gmail.com

#LibresDeGlifosato.

Crónica da mesa redonda-debate do martes 29 de maio

Desde a Mariña lucense fannos chegar a crónica do que foi mesa redonda-debate celebrada onte en Ribadeo.

Reproducimos ao completo a nota de prensa enviada pola asemblea 15m da Mariña lucense – Occidente asturiano:

O pasado martes 29 tivo lugar en Ribadeo unha mesa redonda-debate para informar sobre as fumigacións dos eucaliptais na comarca. Foi convocada pola Asamblea do 15M da Mariña lucense- Occidente asturiano e, como poñentes da mesma, participaron unha enxeñeira forestal, un veterinario e un técnico de medio ambiente. Así mesmo, asistiron persoas pertencenteas aos colectivos que forman parte de Plataforma Fumigacións Non na comarca da Mariña: Sindicato Labrego Galego, Amarante, 15M, abelleiros, labregas, etc.
Igualmente, acudiron como público unha persoa do equipo de goberno do Concello de Ribadeo e outra pertencente a Promariba.
Desde a Asemblea 15M invitárase a participar tamén á Consellería de Medio Rural pero ninguén se presentou pola parte deste organismo. Sigue lendo

APDR marcha contra as celulosas

Un ano máis, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca a MARCHA CONTRA CELULOSAS; desta volta a data elexida é a do SÁBADO 2 DE XUÑO e sairá ás 19:30 horas das alamedas de Marín e Pontevedra.

Para a APDR este ano a Marcha faise máis necesaria que nunca, xa que tanto ENCE coma ELNOSA pretenden ficar en Lourizán máis alá do 2018, e tratan de conseguir unha prórroga de 30 anos que podería vir da man da modificación da Lei de Costas que pretende facer o PP, pero, ademais, ENCE é a responsábel das fumigacións que nos ocupan e preocupan a todos/as nós, como é responsábel tamén da introdución do gorgullo na Galiza.

Desde a Plataforma contra as fumigacións apoiamos a convocatoria da APDR e animámosvos a acudir á marcha.

Reproducimos o panfleto que a APDR publica de cara á marcha e que podes descargar aquí:

ENCE E ELNOSA NÉGANSE A MARCHAR DE LOURIZÁN…. BOTÉMOLOS XA! Sigue lendo

Viñeta de Rooster contra as fumigacións

Respondendo ao noso chamamento aos artistas gráficos do país, o debuxante Rooster (Marcos García) acaba de enviarnos a seguinte viñeta de denuncia sobre as fumigacións aéreas que nos preparan entre ASPAPEL e os seus amigos na Xunta de Galicia:

Viñeta de Rooster para a Plataforma contra as fumigacións

Podedes tamén descargala en alta resolución para imprimir.

Grazas, Marcos! E a ver se se continúan implicando outros artistas con máis material para a nosa campaña.

[Comunicado de prensa] A Delegación do Goberno prohibe a manifestación en Melide contra as fumigacións aéreas con pesticidas tóxicos

A Delegación do Goberno prohibiu a manifestación que se ía celebrar mañá, 29 de abril en Melide, convocada pola Plataforma contra as Fumigacións e en contra dos tratamentos aéreos con flufenoxuron para combater a praga do gorgullo do eucalipto. O argumento para prohibir esta protesta foi que a manifestación non se solicitou coa antelación de dez días a que obriga a lei para calquera acto desta índole que non se considere urxente.

Nembargante, para a Plataforma contra as Fumigacións, a urxencia estaba e está máis que xustificada, xa que as fumigacións con flufenoxuron —un pesticida que será prohibido o 1 de agosto pola súa alta toxicidade— son inminentes e está en perigo todo o sector apícola galego, a saúde pública e o medio ambiente.

A Plataforma contra as Fumigacións acata a prohibición e non celebrará a manifestación. Así e todo, membros da Plataforma desprazaranse a título individual até Melide mañá, domingo 29 de abril, para informar de ti a ti á cidadanía melidense, e á xente doutras localidades que se acheguen para participar na Foliada e no mercado feiral, sobre o perigo inminente destas fumigacións.

O Goberno proíbe a nosa manifestación en Melide pero nós… iremos á festa!

Aínda que non é habitual que se denegue o permiso para exercer o dereito a manifestarse, nesta ocasión a Delegación do Goberno, seguramente preocupada pola incidencia dun acto molesto para os plans da Xunta e das empresas responsables das fumigacións, decidiu aplicar o prazo mínimo de solicitude, entendendo que non hai motivos que xustifiquen a urxencia da convocatoria.

Se cadra se fosen fumigar con carácter inmediato a casa do delegado do Goberno, aplicaría un criterio diferente, pero isto é o que temos.

Xa que logo, a Plataforma decidiu renunciar a realizar unha manifestación pero mantemos a cita prevista con todos na Foliada de Melide, para realizar información cara a cara e participar como outros cidadáns máis na festa melidense. Informemos en animada e festiva conversa aos nosos paisanos en Melide! Festa con conciencia! Festa activa!

(Lembrade mercar un tarriño de mel nos postos de venda de Melide… seica se lles acaba!) 😉

Os medios de comunicación fanse eco da denuncia presentada pola Plataforma contra as Fumigacións

Facemos unha escolma das noticias aparecidas a raíz da denuncia presentada onte ante a Fiscalía de Medio Ambiente pola nosa Plataforma:

Ecos noutros webs

[Vídeo] A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía os tratamentos aéreos con FlufenoxuronRepresentantes das organizacións que integran a Plataforma contra as Fumigacións acudiron hoxe, 24 de abril, aos xulgados de Compostela para denunciar ante a fiscalía de medio ambiente as fumigacións aéreas na Galiza cun pesticida altamente tóxico (Flufenoxuron), que se pretende utilizar contra a praga do gorgullo do eucalipto e que será prohibido en toda a Unión Europea a partir do 1 de agosto de 2012.

Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado, en Galicia poden estar afectados polo gorgullo en torno á 100.000 hectáreas de eucaliptais (1/4 parte da existente). Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron “fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta, tendo presentes os principios de prevención e precaución que deben guiar as actuacións en materia medioambiental”.

Con esta acción, a Plataforma contra as Fumigacións inicia unha campaña para informar á cidadanía do atentado contra o medio ambiente que van perpetrar algunhas madeireiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e de concellos como o de Melide. Precisamente, neste municipio coruñés a Plataforma contra as Fumigacións realizará unha marcha de denuncia o vindeiro domingo, 29 de abril, para tentar que a cidadanía melidense reaccione contra o seu inminente envelenamento e o do entorno.

Fonte: SLG

[Nota de prensa] A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

Representantes das organizacións que integran a Plataforma contra as Fumigacións acudiron hoxe, 24 de abril, aos xulgados de Compostela para denunciar ante a fiscalía de medio ambiente as fumigacións aéreas na Galiza cun pesticida altamente tóxico (Flufenoxuron), que se pretende utilizar contra a praga do gorgullo do eucalipto e que será prohibido en toda a Unión Europea a partir do 1 de agosto de 2012.

Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado, en Galicia poden estar afectados polo gorgullo en torno á 100.000 hectáreas de eucaliptais (1⁄4 parte da existente). Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron “fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta, tendo presentes os principios de prevención e precaución que deben guiar as actuacións en materia medioambiental”.

O Flufenoxuron é un insecticida en moratoria na Unión Europea polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Ademais, a decisión da Comisión Europea do 9 de febreiro de 2012, publicada no Diario Oficial da UE, ordena que os produtos que conteñan flufenoxuron “deixarán de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012”. Segundo di, textualmente, esta decisión, o flufenoxuron é un “biocida” que é “persistente, bioacumulable e tóxico” e demostrou “efectos inadmisibles para o comportamento acuático”.

Ademais, as fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións. Estudios como “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana“, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del.

Unha das especies animais máis afectadas por este envelenamento serán as abellas que, como xa teñen demostrado varios estudios científicos, están a morrer e desaparecer por millóns en todo o mundo debido ao uso de pesticidas en agricultura. Máis alá do seu papel como produtoras de mel e outros derivados da colmea, as abellas xogan un papel fundamental na polinización das plantas con flores, entre as que se inclúen moitos dos principais cultivos de froitas e hortalizas. Por iso, a súa intoxicación por pesticidas e posterior morte está a ter consecuencias moi negativas tamén na economía agraria.

Por todo o devandito, a Plataforma contra as Fumigacións iniciará unha campaña para informar á cidadanía do atentado contra o medio ambiente que van perpetrar algunhas madeireiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e de concellos como o de Melide. Precisamente, neste municipio coruñés a Plataforma contra as Fumigacións realizará unha marcha de denuncia o vindeiro domingo, 29 de abril, para tentar que a cidadanía melidense reaccione contra o seu inminente envelenamento e o do entorno.

Descarga a nota de prensa en PDF: A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

Descarga un extracto da denuncia presentada diante da fiscalía para deter as fumigacións