Miles de galegos ‘saen’ en defensa das abellas a través das redes sociais

Noticia publicada o venres 04/05/2012 por El Progreso:

Máis de 37.000 persoas apoiaron unha petición en Actuable que pide a ASAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) e ás Consellerias de Medio Rural e de Medio Ambiente que reconsideren o plan para fumigar máis de 100.000 hectáreas de eucaliptais ante unha praga de insectos. Durante o proceso usarase un tóxico insecticida que será vetado en toda a Unión Europea en menos de catro meses.

Segundo a petición, o plan de fumigación, autorizado pola Xunta de Galicia e algúns concellos, terá graves consecuencias para a flora e a fauna galega. Concretamente sinálase o risco para a supervivencia das abellas, especialmente sensibles ao uso deste tipo de pesticidas.

En poucos días, a petición rexistrou un gran crecemento. Cada vez que a petición é asinada, un correo electrónico envíase a ASPAPEL e ás Consellerias da Xunta de Galicia. Nas últimas horas, ademais, centos de usuarios acudiron á páxina da Xunta de Galicia en Facebook para mostrar a súa desconformidade coa autorización de fumigación.

O texto da petición sinala que “a Asociación Galega de Apicultura deu a voz de alarma e solicitou a suspensión das fumigaciones interpondo unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente xunto con outras organizacións unidas baixo a Plataforma contra as Fumigacións.”

A plataforma subliña que as abellas son vitais para a fecundación de numerosas plantas, entre elas aquelas destinadas á alimentación humana. A súa desaparición “provocaría o colapso da agricultura e a apicultura en Galicia, e condenaría os galegos á dependencia alimentaria do exterior de xeito indefinido”.

Unha Directiva europea prohibe ademais fumigar desde o aire cando existen outros métodos. Segundo o texto da petición “Existen métodos moito menos agresivos para acabar co insecto que afecta os eucaliptos, por iso é difícil entender por que o empeño en usar este tóxico produto cando existen outras alternativas”.

“Actuable é unha plataforma aberta que serve precisamente para isto: permitir que calquera persoa, en calquera lugar, poida iniciar peticións sobre os temas que máis lle preocupan” afirma Francisco Polo, fundador e director de Actuable. “Esta petición conseguiu un gran apoio e miles de persoas están a pedir dar marcha atrás nese plan de fumigación” engade.