Oleiros: mais concellos que se opoñen ás fumigacións

Alternativa dos veciños, partido que goberna o Concello de Oleiros, levou ao pleno unha moción en contra das fumigacións e en apoio ás demandas da Plataforma. A moción foi aprobada a pesar de ter os votos en contra do PP local.
A continuación reproducimos o texto da moción presentada no pleno:

A nosa sensibilidade coa conservación do medio natural, obríganos a denunciar coa forza da razón e o sentido común un atentado ecolóxico, non só contra o medio ambiente senón tamén contra a saúde dos seres humanos.

A Xunta de Galicia está a punto de autorizar a fumigación aérea dos montes galegos, cun produto chamado “CASCADE”, cuxo principal compoñente é a substancia denominada “flufenoxuron”, comercializado pola multinacional química BASF.

Este produto está totalmente prohibido na Unión Europea desde o ano pasado pola súa altísima TÓXICIDADE e PERSISTENCIA, pero hai unha moratoria que permite usar só o seu stock ata o 31 de decembro deste ano. A partir de aquí, como non, so poderá ser utilizado no “terceiro mundo”, acto que tamén aproveitamos para denunciar.

Antes de que se ilegalice totalmente o seu uso, na UE, todo este stock queren poñelo no mercado a prezo de saldo, e aí é onde entra o interese das multinacionais produtoras de pasta de papel que controlan os eucaliptais galegos, en concreto Aspapel (Asociación de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), que son os promotores desta fumigación masiva do aire que respiramos. É dicir, novamente o interese do capital, quere impórse por riba da saúde das persoas e do medio natural. Seguir lendo