Paremos as fumigacións co herbicida glifosato en Galiza

Desde a Plataforma contra as fumigacións e por un futuro sen praguicidas queremos apoiar e contribuír a espallar a campaña dunha das organizacións que forman parte da nosa plataforma, ADEGA, contra as fumigacións que con glifosato se están a realizar este verán por rúas, estradas e cunetas de todo o país. Infórmate, colabora e denuncia!

perigoglifosatoEn ADEGA, preocúpanos a intensidade con que este ano teñen fumigado con herbicidas ducias de estradas para rozar o mato. Estas fumigacións realízanse frecuentemente con glifosato, un potente herbicida tóxico para o ambiente e para a saúde das persoas.

A razón de rozar con métodos químicos é unicamente económica: Cuns litros de glifosato e un único operario “rózanse” ducias de quilómetros ao día. Afórrase deste xeito, contratar a unha brigada para facer o rozado mediante métodos mecánicos, a cambio de deitar no medio milleiros de litros de veleno. Acontece ademais que o rozado químico, alén de supoñer un perigo para o ambiente e a saúde, non elimina o risco de lumes: Ao contrario, a presenza do mato seco a carón das estradas é un factor de risco engadido. Nalgúns casos chégase até o absurdo de fumigar primeiro e rozar mecanivamente despois: Por que non facelo só con métodos mecánicos?

Para visualizar a dimensión deste grave problema propoñémosvos que colaboredes con ADEGA. Para iso, só tendes que acudir a unha destas vías fumigadas, facer unha foto co cartaz que vos achegamos e enviala a ADEGA. Que como recoñecer as zonas nas que se aplicou o herbicida? Pois abonda con fixarse nas bermas das estradas e ver se a vexetación fica semorecida ou seca, mentres que noutras zonas está aínda verde. Non é difícil: estradas do Estado, a Xunta, Deputacións e concellos teñen sido fumigadas a eito, polo que non teredes problema en atopalas. Con todos os cromos recibidos, elaboraremos un álbum público e un dossier, que xunto a nota de prensa e un escrito de denuncia remitiremos en nome de ADEGA aos medios, ás administracións competentes e á Fiscalía Ambiental.

Pedímosvos a vosa colaboración para localizar e identificar aquelas zonas fumigadas, especialmente as que supoñen un risco inmediato de contaminación para a saúde e o ambiente: Preto de cursos de auga, leiras de cultivo, pastos, zonas habitadas… Só tedes que facer unha foto da zona co cartaz impreso e colocado sobre un pau ou calquera outro soporte.

PAREMOS O ENVELENAMENTO DO NOSO MEDIO!

DEFENDAMOS A NOSA SAÚDE!

Urxente: Paremos os praguicidas tamén en Europa!

Defendamos as abellas na UE!Mañá día 31 de xaneiro poden darse pasos decisivos na Unión Europea para prohibir os praguicidas de tipo neonicotinoide que se probaron moi daniños para as abellas. Despois da vitoria en Galiza contra o flufenoxurón, a guerra por salvarmos as abellas continúa en Europa. Participa de urxencia nestas dúas campañas online que queren erguer a voz da xente para que as autoridades europeas protexan definitivamente as abellas desta letal ameaza!

Grazas.

Dillo alto e claro á alcaldesa de Melide: Fumigacións NON!

O de Melide foi un dos primeiros consistorios en colaborar aberta e contundentemente con esta campaña de fumigación, enviando cartas nas que se indicaba aos propietarios de fincas que tiñan que dar a súa autorización.

Por iso o domingo 29 imos estar en Melide presentando esta iniciativa social para deter as fumigacións.

E por iso a xente da asemblea do 15-M das Mariñas / Betanzos puxeron en marcha unha campaña para dirixirse por e-mail á alcadesa Mª Ánxeles Vázquez Mejuto. Participa nesta nova ciberacción da campaña #queremosAbellas / #fumigacionsNON enviando este formulario.