A fiscalía de medioambiente arquiva a denuncia da Plataforma contra as Fumigacións

Con data do 1 de outubro o fiscal delegado de medioambiente comunicou aos representantes da Plataforma contra as Fumigacións, en relación á denuncia que presentáramos en abril, o seguinte:

no se van a iniciar acciones de clase alguna al no estimar de los antecedentes suministrados la existencia de delito alguno

A Fiscalía informa de que solicitou información sobre as fumigacións á Consellaría de Medio Rural e Mariño, concretamente á Subdirección Xeral de Recursos Forestais. Desde a Xunta contestáronlles o día 11 de xuño que «no existe aprobado plan de aplicación aérea del citado producto [o flufenoxurón], que se usa la lucha biológica contra dicha plaga, que la ejecución del citado plan no tiene naturaleza pública, y que su utilización privada y aérea está sujeta a control de la administración».

O cal podemos interpretar como que:

  1. O plan existe, aínda que eles non o tiñan aprobado (na data de xuño en que contestaron).
  2. Recoñecen que se simultanea loita biolóxica e loita química.
  3. Que eles teñen que controlar as fumigacións aéreas.

Tamén di a Fiscalia que consultou co Instituto español de Toxicoloxía e coa Facultade de Farmacia, «en los [???] que se advierten los riesgos detectados en la documentación de las instituciones comunitarias». Aínda que a redacción deste punto no comunicado da fiscalía é confusa, entendemos que estas institucións confirmaron a toxicidade para as persoas e o medio natural.

Malia o contestado pola Xunta, conclúe a Fiscalía: «No habiendo planes específicos como los denunciados, siendo así informados por la administración, procede el archivo de las presentes al no concretarse el riesgo derivado de la utilización del producto». (A negriña é nosa.)

A Fiscalía interpreta que a Xunta di que non hai plans de fumigar, aínda que pola contestación (tal e como a trasmite a Fiscalía) pode entenderse que o din é que o plan existe pero non é da Xunta, senón de ASPAPEL. Resulta sorprendente que non requerisen información desta organización para verificar se o plan existía, aínda que fose privado.

De todos xeitos, desde a Plataforma contra as Fumigacións queremos facer notar que a non apreciación de delicto (penal) por parte do Fiscal non supón que non o haxa (administrativo, ecolóxico…). Tamén lembramos que está aínda pendente a queixa que admitíu o Valedor do Pobo e que pode dar pé a ulteriores accións xudiciais, mesmo penais.

O que non detivo a Fiscalía foi impedido pola contestación social e polas accións, mobilizacións e denuncias desta Plataforma que lograron atrancar, diminuir ou evitar a masiva e silandeira fumigación que tiñan previso realizar en todo o país.

Pretenden fumigar na Costa da Morte cun produto químico tóxico

Noticia aparecida no web ANosaCosta.es o día 11/05/2012:

Pretenden fumigar a comarca cun produto químico tóxico

Varias entidades advirten da toxicidade e dos efectos nocivos que terá a acción.

Co obxetivo de combater a praga no goníptero nos eucaliptais, ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón) pretende impulsar unha campaña de fumigacións en distintos puntos de Galicia.

A polémica xurde pola prevista utilización do flufenoxurón, unha sustancia tóxica e que quedará prohibida desde o vindeiro mes de agosto en toda a Unión Europea. Este dato puxo en alerta a diversos colectivos que se agruparon entorno a plataforma fumigacionsnon.org, e que piden que non se leven a cabo estas fumigacións aéreas masivas polos efectos para o medio ambiente.

Equo presentou unha denuncia ante a UE contra o goberno español, a Xunta e o concello de Melide pola publicidade e a permisividade neste asunto. Desde o partido que dirixe López de Uralde advirten que o produto en cuestión terá serios “efectos nocivos” para a flora, o solo, a saúde humana e a fauna, e especialmente, para as colonias de abellas.

Desde Verdegaia acusan a Xunta de “connivencia”, e desde Adega pensan que “A Xunta podería estar sendo cómplice, dun delicto contra a saúde das persoas eo medio ambiente”.Tamén sindicatos como o Sindicato Labrego Galego e colectivos como a asociación de apicultores de Galicia presentaron unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente.

Algún lector púxose en contacto con Anosacosta denunciando está situación, e efectivamente segundo a documentación difundida por Adega, Santa Comba, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Fisterra, Corcubión, Ponteceso e Cabana están no mapa de fumigacións.

A nova, noutra versión lixeiramente diferente, apareceu tamén no web ANosaGalicia.es.

ADEGA revela os mapas das fumigacións previstas: ASPAPEL e Xunta planexan fumigar sobre espazos protexidos, ríos e vilas

Onte ADEGA, entidade membro da Plataforma contra as Fumigacións, fixo públicos uns mapas coas ubicacións das fumigacións previstas por ASPAPEL e a Xunta, coa colaboración da Asociación Forestal e outros axente. Iremos actualizando con esta importante información revelada por ADEGA o noso mapa de alertas, pero namentres reproducimos a nota de ADEGA coas imaxes que eles fixeron públicas, incluindo as ligazóns aos mapas orixinais:

Fumigacions-PontevedraADEGA vén de coñecer as zonas propostas por ASPAPEL para desenvolver as fumigacións dos eucaliptais co tóxico Flufenoxuron nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área).  Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha, denominadas “zonas de tratamento químico”. Nelas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000. Dada a toxicidade do principio activo e a enorme dispersión dos métodos aéreos, persoas, animais e mesmo biodiversidade ameazada estarán expostas ao veleno. ADEGA advirte á Xunta de que podería estar sendo cómplice, de seguir “avalando” estas prácticas, dun delicto contra a saúde das persoas e o medio ambiente.

Fumigacions-CorunhaUn importante número das áreas nas que están proxectadas as fumigacións inclúen territorio da Rede Natura 2000 no que están presentes, entre outras, especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico. Por exemplo, a bolboreta Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura) están consideradas de interese comunitario e figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats.

A maiores, as poboacións do lepidóptero Zerynthia rumina, considerada en perigo de extinción e do coleóptero Cerambyx cerdo (capricornio das aciñeiras, o escarabello máis grande de Galiza), vulnerábel, poderían sufrir os efectos das fumigacións. E alén dos insectos protexidos, tamén as aves insectívoras e os morcegos, entre outros, acusarían os efectos do veleno. FumigaPantinAtendendo á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delicto penal, coa agravante de ser a propia administración quen o cometería.

Tivo en conta a Xunta a presenza destas especies protexidas, ameazadas e en perigo de extinción nas parcelas fumigadas, incluidas ou próximas a espazos protexidos? Considerou a Xunta os riscos das fumigacións sobre a saúde das persoas e a calidade dos recursos hídricos, dada a presenza nas “zonas de tratamento” de núcleos de poboación e cursos fluviais? Cal é a opinión da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Saúde Pública e de Augas de Galiza polo que atinxe ao envelenamento da auga?

A escandalosa submisión ao lobby do eucalipto que amosou a administración galega, corroborada por unha política forestal hiperpermisiva coas pasteiras e os seus intereses (Lei de Montes, Orde dos cultivos enerxéticos), non pode xustificar o envelenamento deliberado das persoas e o medio ambiente.