Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Seguir lendo

FSC: Quen certifica aos certificadores?

A través da páxina de Verdegaia chéganos unha nova sobre os fraudes na concesión de certificacións para as explotacións forestais galegas.

Bureau Veritas emitiu o certificado FSC para a empresa ENCE-NORFOR a pesar de incumplir algús dos requirimentos como a multifuncionalidade dos cultivos ou cuestións relativas aos danos ambientais que provoca a xestión forestal da empresa e leva tempo a facer caso omiso das reclamacións da FEG de retirada do selo FSC.

En vista disto a Federación Ecoloxista Galega ven de presentar diante da entidade responsábel de certificar os certificadores, Acreditation Services International, unha nova reclamación solicitando a suspensión de Bureau Veritas como empresa certificadora e de NORFOR como empresa certificada, pondo de manifesto a fraude na que se ten incorrido e as sospeitas de corrupción no FSC.

Pódese ler a nova completa na páxina de Verdegaia, aquí.

APDR marcha contra as celulosas

Un ano máis, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca a MARCHA CONTRA CELULOSAS; desta volta a data elexida é a do SÁBADO 2 DE XUÑO e sairá ás 19:30 horas das alamedas de Marín e Pontevedra.

Para a APDR este ano a Marcha faise máis necesaria que nunca, xa que tanto ENCE coma ELNOSA pretenden ficar en Lourizán máis alá do 2018, e tratan de conseguir unha prórroga de 30 anos que podería vir da man da modificación da Lei de Costas que pretende facer o PP, pero, ademais, ENCE é a responsábel das fumigacións que nos ocupan e preocupan a todos/as nós, como é responsábel tamén da introdución do gorgullo na Galiza.

Desde a Plataforma contra as fumigacións apoiamos a convocatoria da APDR e animámosvos a acudir á marcha.

Reproducimos o panfleto que a APDR publica de cara á marcha e que podes descargar aquí:

ENCE E ELNOSA NÉGANSE A MARCHAR DE LOURIZÁN…. BOTÉMOLOS XA! Seguir lendo

Entrega de 86.426 sinaturas contra as fumigacións á Xunta de Galicia

O pasado luns 21 de marzo, fíxose entrega no Rexistro da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela de máis de 86.000 sinaturas recollidas na campaña online contra as fumigacións con flufenoxurón, insecticida altamente tóxico que será retirado do mercado da UE a partires de agosto.

Ao acto acudiron membros da Plataforma contra as fumigacións así como diversos medios de comunicación como Grupo Voz, TVE, SER, rne, etc, que cubriron a nova.

Ademais das 86.426 sinaturas tamén se fixo entrega dunha cesta con un bote de mel e outros produtos agrícolas cuxa produción corre perigo se as fumigacións se fan efectivas debido á mortandade que o insecticida produce nas abellas.

Como próxima acción a Plataforma convocará unha manifestación en Compostela o domingo 10 de xuño.

Podes ver as declaracións de representantes da plataforma no seguinte video:

Tamén o Telexornal da TVE1 se fixo eco da nova:

Outros medios onde se pode ler algo sobre a entrega das sinaturas:

El país: 100.000 firmas para detener las fumigaciones de eucaliptos
Europapress: La Plataforma contra as Fumigacións entrega a la Xunta 100.000 firmas contra el uso de un pesticida “tóxico”
Galicia confidencial: Máis de 85.000 sinaturas contra as fumigacións

Este luns 21 entregaremos na Xunta de Galicia os milleiros de sinaturas recollidas contra as fumigacións

#QueremosAbellas #FumigacionsNONRepresentantes da Plataforma contra as fumigacións – Por un futuro sen pesticidas farán entrega (no Rexistro da Xunta de Galicia) este vindeiro luns día 21 de maio das sinaturas recollidas ate o de agora na campaña online (aínda non asinaches? Faino aquí) contra as fumigacións que pretende autorizar a Xunta de Galicia e que promove a asociación de produtores de papel ASPAPEL. A campaña foi posta en marcha o 16 de abril por unha das persoas que días despois promovería a constitución da Plataforma, integrada na actualidade por unhas 40 entidades de toda Galiza e mesmo do exterior, e apoiada tamén por diversas organizacións políticas galegas.

Aínda podes asinar a petición! ¡Todavía puedes firmar la petición! You can still sign this petition!

O contador das sinaturas visible en Change.org neste momento (sábado 19 ás 10:30 da mañá) supera as 85.000, despois de diversos bailes de cifras producidos por problemas técnicos que tiveron lugar pola integración a plataforma Actuable, na que inicialmente fóra creada. Estes problemas levaron a que se marcara en determinado momento unha cifra superior ás 150.000, que non se correspondía coa cifra de apoios recollida realmente.

Porén, a Plataforma considera a cifra de apoios real indicada actualmente máis que de abondo para facérllela chegar xa ás autoridades galegas, responsables de autorizar ou non, a masiva fumigación aérea que prepara ASPAPEL en boa parte do país (entidade que presume falsamente de producir de maneira sustentable) e que de feito xa comezaron a realizar nalgúns puntos por outros medios máis agachados da vista da poboación. Existen outros medios de combater o problema que afecta aos monocultivos do eucalipto, malia as mentiras de ENCE (entidade galega que preside actualmente ASPAPEL), e por iso non imos tolerar que se bote un pesticida xa catalogado como tóxico pola Unión Europea, contaminando as nosas augas, montes, fauna e flora, e condeando á morte ás vitais abellas, elemento crítico dos nosos ecosistemas e da nosa agricultura.

A Xunta de Galicia ten que asumir o clamor popular que se está erguendo contra estas inxustificables fumigacións. Ten que desautorizalas de inmediato e apostar por outros medios non tóxicos para o combate das pragas, para así cumprir a lei e o seu deber de protección do medio e da saúde de todas as galegas e os galegos.

Axúdanos a espallar esta noticia para conseguir que aínda máis persoas apoien esta petición e lanzar unha mensaxe aínda máis contundente aos nosos gobernantes! Envíaa por email, difúndea en Facebook, Twitter e noutras redes sociais (tes botóns baixo o cabezallo). Grazas por unirte ás case 100.000 voces contra as fumigacións e por un presente e un futuro libres de pesticidas na nosa terra!

Feijoo recibe a noticia das 100.000 sinaturas contra as fumigacións con flufenoxurón

Recibimos as primeiras fotos que proban que as fumigacións xa comezaron… por terra!

Proba gráfica das fumigacións con pesticida en Pazos de BorbénUn participante na Plataforma fíxonos chegar onte unhas fotografías tomadas nas plantacións de eucaliptos do monte veciñal de Cepeda, en Pazos de Borbén. Agradecemos vivamente esta denuncia gráfica e animamos a calquera persoa ou organización a nos enviaren máis probas gráficas deste atentado masivo contra o país! Esteamos cos ollos abertos a camionetas deste tipo, a helicópteros ou avionetas (ou mesmo globos ou avións teledirixidos). Sabemos que se non é por un medio van tentar fumigar por outros, así que moito ollo!

As fumigacións andan perto: o sábado 12 de maio, unha furgoneta provista dun canón nebulizador dedicouse a fumigar os eucaliptais do monte veciñal de Cepeda, en Pazos de Borbén, nunha plantación que o pasado ano sufríu un forte ataque do gorgullo Gonipterus scutellatus. Se non me confundo, estes eucaliptais están situados nunha área de monte comunal que a Xunta de Montes daquela freguesía conveniou con Norte Forestal S.A., filial de Ence. Trátase de superficies de nova repoboación, onde seguramente introduciron eucaliptos clónicos de rápido crecemento.

Sinto que a calidade das fotos non sexa mellor, o veículo estaba mui lonxe. Outras comunidades de montes da zona, como a de Pazos, negáronse rotundamente á fumigación dos seus montes, pero este non semella ser o caso de Cepeda. Neste caso a fumigación non foi aérea, pero se vos fixades ben a pouca distancia do veículo unha vaca pace pracidamente entre os eucaliptos tratados. Entre as áreas de fumigación existen zonas de grande valor ecolóxico, como o curso alto do río Alén, no concello de Mondariz. Non me extrañaria que anden a fumigar tamén por aquí, temos que estar atentos.

Para o control do noso amigo defoliador existe unha alternativa biolóxica que se ven aplicando desde hai tempo, que eu saiba con bastante éxito: unha vespiña australiana que parasita as postas de Gonipterus: Anaphes nitens. As fumigacións dos eucaliptais están polo tanto completamente inxustificadas (salvo para o lobby do eucalipto e das empresas de agroquímicos, claro).

Fumigacións con pesticida dos eucaliptos en Pazos de Borbén

Fumigacións Pazos de Borbén, pesticida eucaliptos

Fumigacións Cascade en Pazos de Borbén