Entrega de 86.426 sinaturas contra as fumigacións á Xunta de Galicia

O pasado luns 21 de marzo, fíxose entrega no Rexistro da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela de máis de 86.000 sinaturas recollidas na campaña online contra as fumigacións con flufenoxurón, insecticida altamente tóxico que será retirado do mercado da UE a partires de agosto.

Ao acto acudiron membros da Plataforma contra as fumigacións así como diversos medios de comunicación como Grupo Voz, TVE, SER, rne, etc, que cubriron a nova.

Ademais das 86.426 sinaturas tamén se fixo entrega dunha cesta con un bote de mel e outros produtos agrícolas cuxa produción corre perigo se as fumigacións se fan efectivas debido á mortandade que o insecticida produce nas abellas.

Como próxima acción a Plataforma convocará unha manifestación en Compostela o domingo 10 de xuño.

Podes ver as declaracións de representantes da plataforma no seguinte video:

Tamén o Telexornal da TVE1 se fixo eco da nova:

Outros medios onde se pode ler algo sobre a entrega das sinaturas:

El país: 100.000 firmas para detener las fumigaciones de eucaliptos
Europapress: La Plataforma contra as Fumigacións entrega a la Xunta 100.000 firmas contra el uso de un pesticida “tóxico”
Galicia confidencial: Máis de 85.000 sinaturas contra as fumigacións

Este luns 21 entregaremos na Xunta de Galicia os milleiros de sinaturas recollidas contra as fumigacións

#QueremosAbellas #FumigacionsNONRepresentantes da Plataforma contra as fumigacións – Por un futuro sen pesticidas farán entrega (no Rexistro da Xunta de Galicia) este vindeiro luns día 21 de maio das sinaturas recollidas ate o de agora na campaña online (aínda non asinaches? Faino aquí) contra as fumigacións que pretende autorizar a Xunta de Galicia e que promove a asociación de produtores de papel ASPAPEL. A campaña foi posta en marcha o 16 de abril por unha das persoas que días despois promovería a constitución da Plataforma, integrada na actualidade por unhas 40 entidades de toda Galiza e mesmo do exterior, e apoiada tamén por diversas organizacións políticas galegas.

Aínda podes asinar a petición! ¡Todavía puedes firmar la petición! You can still sign this petition!

O contador das sinaturas visible en Change.org neste momento (sábado 19 ás 10:30 da mañá) supera as 85.000, despois de diversos bailes de cifras producidos por problemas técnicos que tiveron lugar pola integración a plataforma Actuable, na que inicialmente fóra creada. Estes problemas levaron a que se marcara en determinado momento unha cifra superior ás 150.000, que non se correspondía coa cifra de apoios recollida realmente.

Porén, a Plataforma considera a cifra de apoios real indicada actualmente máis que de abondo para facérllela chegar xa ás autoridades galegas, responsables de autorizar ou non, a masiva fumigación aérea que prepara ASPAPEL en boa parte do país (entidade que presume falsamente de producir de maneira sustentable) e que de feito xa comezaron a realizar nalgúns puntos por outros medios máis agachados da vista da poboación. Existen outros medios de combater o problema que afecta aos monocultivos do eucalipto, malia as mentiras de ENCE (entidade galega que preside actualmente ASPAPEL), e por iso non imos tolerar que se bote un pesticida xa catalogado como tóxico pola Unión Europea, contaminando as nosas augas, montes, fauna e flora, e condeando á morte ás vitais abellas, elemento crítico dos nosos ecosistemas e da nosa agricultura.

A Xunta de Galicia ten que asumir o clamor popular que se está erguendo contra estas inxustificables fumigacións. Ten que desautorizalas de inmediato e apostar por outros medios non tóxicos para o combate das pragas, para así cumprir a lei e o seu deber de protección do medio e da saúde de todas as galegas e os galegos.

Axúdanos a espallar esta noticia para conseguir que aínda máis persoas apoien esta petición e lanzar unha mensaxe aínda máis contundente aos nosos gobernantes! Envíaa por email, difúndea en Facebook, Twitter e noutras redes sociais (tes botóns baixo o cabezallo). Grazas por unirte ás case 100.000 voces contra as fumigacións e por un presente e un futuro libres de pesticidas na nosa terra!

Feijoo recibe a noticia das 100.000 sinaturas contra as fumigacións con flufenoxurón

[Nota de prensa] A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

Representantes das organizacións que integran a Plataforma contra as Fumigacións acudiron hoxe, 24 de abril, aos xulgados de Compostela para denunciar ante a fiscalía de medio ambiente as fumigacións aéreas na Galiza cun pesticida altamente tóxico (Flufenoxuron), que se pretende utilizar contra a praga do gorgullo do eucalipto e que será prohibido en toda a Unión Europea a partir do 1 de agosto de 2012.

Tal e como se recolle no escrito de denuncia presentado, en Galicia poden estar afectados polo gorgullo en torno á 100.000 hectáreas de eucaliptais (1⁄4 parte da existente). Isto implicaría utilizar unha disolución, como mínimo, duns 50.000 litros de Flufenoxuron e auga. A alta toxicidade do Flufenoxuron “fai conveniente a paralización da actividade que se denuncia, polo risco e afección que comporta, tendo presentes os principios de prevención e precaución que deben guiar as actuacións en materia medioambiental”.

O Flufenoxuron é un insecticida en moratoria na Unión Europea polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio ambiente (Directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003). Ademais, a decisión da Comisión Europea do 9 de febreiro de 2012, publicada no Diario Oficial da UE, ordena que os produtos que conteñan flufenoxuron “deixarán de comercializarse a partir do 1 de agosto de 2012″. Segundo di, textualmente, esta decisión, o flufenoxuron é un “biocida” que é “persistente, bioacumulable e tóxico” e demostrou “efectos inadmisibles para o comportamento acuático”.

Ademais, as fumigacións de químicos tóxicos dende helicópteros e avionetas non só afectarán aos insectos tratados, senón que contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas; amais de envelenar ás especies vexetais e animais que estean na contorna, e mesmo ás persoas que vivan nos núcleos habitados das inmediacións. Estudios como “Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana“, realizado polo doutor Jorge Kaczewer da Universidade de Bos Aires, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del.

Unha das especies animais máis afectadas por este envelenamento serán as abellas que, como xa teñen demostrado varios estudios científicos, están a morrer e desaparecer por millóns en todo o mundo debido ao uso de pesticidas en agricultura. Máis alá do seu papel como produtoras de mel e outros derivados da colmea, as abellas xogan un papel fundamental na polinización das plantas con flores, entre as que se inclúen moitos dos principais cultivos de froitas e hortalizas. Por iso, a súa intoxicación por pesticidas e posterior morte está a ter consecuencias moi negativas tamén na economía agraria.

Por todo o devandito, a Plataforma contra as Fumigacións iniciará unha campaña para informar á cidadanía do atentado contra o medio ambiente que van perpetrar algunhas madeireiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e de concellos como o de Melide. Precisamente, neste municipio coruñés a Plataforma contra as Fumigacións realizará unha marcha de denuncia o vindeiro domingo, 29 de abril, para tentar que a cidadanía melidense reaccione contra o seu inminente envelenamento e o do entorno.

Descarga a nota de prensa en PDF: A Plataforma contra as Fumigacións denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente os tratamentos aéreos con Flufenoxuron

Descarga un extracto da denuncia presentada diante da fiscalía para deter as fumigacións