Paremos as fumigacións co herbicida glifosato en Galiza

Desde a Plataforma contra as fumigacións e por un futuro sen praguicidas queremos apoiar e contribuír a espallar a campaña dunha das organizacións que forman parte da nosa plataforma, ADEGA, contra as fumigacións que con glifosato se están a realizar este verán por rúas, estradas e cunetas de todo o país. Infórmate, colabora e denuncia!

perigoglifosatoEn ADEGA, preocúpanos a intensidade con que este ano teñen fumigado con herbicidas ducias de estradas para rozar o mato. Estas fumigacións realízanse frecuentemente con glifosato, un potente herbicida tóxico para o ambiente e para a saúde das persoas.

A razón de rozar con métodos químicos é unicamente económica: Cuns litros de glifosato e un único operario “rózanse” ducias de quilómetros ao día. Afórrase deste xeito, contratar a unha brigada para facer o rozado mediante métodos mecánicos, a cambio de deitar no medio milleiros de litros de veleno. Acontece ademais que o rozado químico, alén de supoñer un perigo para o ambiente e a saúde, non elimina o risco de lumes: Ao contrario, a presenza do mato seco a carón das estradas é un factor de risco engadido. Nalgúns casos chégase até o absurdo de fumigar primeiro e rozar mecanivamente despois: Por que non facelo só con métodos mecánicos?

Para visualizar a dimensión deste grave problema propoñémosvos que colaboredes con ADEGA. Para iso, só tendes que acudir a unha destas vías fumigadas, facer unha foto co cartaz que vos achegamos e enviala a ADEGA. Que como recoñecer as zonas nas que se aplicou o herbicida? Pois abonda con fixarse nas bermas das estradas e ver se a vexetación fica semorecida ou seca, mentres que noutras zonas está aínda verde. Non é difícil: estradas do Estado, a Xunta, Deputacións e concellos teñen sido fumigadas a eito, polo que non teredes problema en atopalas. Con todos os cromos recibidos, elaboraremos un álbum público e un dossier, que xunto a nota de prensa e un escrito de denuncia remitiremos en nome de ADEGA aos medios, ás administracións competentes e á Fiscalía Ambiental.

Pedímosvos a vosa colaboración para localizar e identificar aquelas zonas fumigadas, especialmente as que supoñen un risco inmediato de contaminación para a saúde e o ambiente: Preto de cursos de auga, leiras de cultivo, pastos, zonas habitadas… Só tedes que facer unha foto da zona co cartaz impreso e colocado sobre un pau ou calquera outro soporte.

PAREMOS O ENVELENAMENTO DO NOSO MEDIO!

DEFENDAMOS A NOSA SAÚDE!

Prohibicións dos praguicidas neonicotinoides na Unión Europea: Unha vitoria colectiva

Nova vitoria das abellas contra os praguicidasO pasado día 29 de abril, en segunda votación, os países da Unión Europea, por unha maioría de 15 votos, aprobaron establecer unha prohibición dos pesticidas sistémicos neurotóxicos (neonicotinoides) durante dous anos e a partir do día 31 de decembro de 2013.

As moléculas imidaclropride, clotianidina e tiometoxam, fabricadas polas multinacionais Bayer (alemana) e Syngenta (suíza), causantes dunha grande desaparición de abellas en todo o mundo (entre un 30 e un 40% anual) estarán prohibidas en sementes e noutros cultivos. Ainda que a prohibición ten que ser total e para sempre, sen embargo, consideramos un paso adiante moi importante e sobre todo é o recoñecemento dos nosos gobernantes da catrástrofe causada e a punto de ser irreversible.

As abellas estiveron sufrindo este problema desde o ano 1994, pero o resto dos polinizadores tamén estiveron sendo aniquilados silenciosamente, os científicos foron testemuñas do alarmante declive da biodiversidade e a produción de alimentos púxose en grave risco. Só a concienciación social e a loita conxunta de organizacións de apicultores, grupos ecoloxistas, algúns sindicatos e organización varias foron capaces de facer reflexionar aos nosos representantes políticos. Máis de 50 organizacións sociais loitaron contra a utilización desde o ar de praguicidas contra o gonipterus dos eucaliptos na Galiza, durante o ano 2012. Máis dun cento de organizacións de todo o estado español conseguimos que España votara a favor desta moratoria e no futuro haberá que estar moi atentos xa que o inimigo é moi potente.
Según o Parlamento europeo, o 80% das plantas con flores son polinizadas polas abellas e polo tanto as únicas capaces de asegurar a súa supervivencia; tamén di este informe que o 84% das plantas cultivadas precisan das abellas para ser produtivas e finalmente que o 76% da nosa cesta de alimentos esixe abellas nos nosos campos. Podemos importar mel pero non a polinización.

Na Galiza, desaparecen anualmente uns 30.000 exames por este problema: en 18 anos o sector apícola perdeu máis de 55 millóns de euros, pero a sociedade no seu conxunto perdeu máis de mil millóns de euros según a valoración que se fai do efecto polinizador.

Nas Provincias de A Coruña, Pontevedra e certas partes de Lugo desapareceu sobre o 60% dos abelleiros e das abellas que había en Galiza no ano 1995. Isto coincide coas áreas dos eucaliptos, millo forraxeiro e cultivos hortícolas intensivos que é onde máis se usan estes praguicidas.

“Se faltasen as abellas aos humanos quedaríannos catro anos de vida” é unha frase atribuída a Albert Einstein. O que si é certo é que sen polinizadores as plantas con flores tenderían a desaparecer e serían sustituídas por outras que non precisan polinización, como resultado teríamos un triste mundo monocor verde (o que os científicos bautizaron como desertos verdes) e a maioría do alimentos que hoxe consumimos tampouco existirían. A vida tal como a coñecemos hoxe non sería viable. Se cadra por iso as abellas foron declaradas en 2008 a especie máis importante do planeta.

Os monocultivos traen consigo as pragas e a continuación aparece a necesidade de usar estes praguicidas que aniquilan aos polinizadores, polo tanto estamos diante dun modelo insostible, só podemos paliar estes problemas coa promoción dunha política agroforestal compatible cos principios da agroecoloxía, coa sostibilidade e rotación de cultivos e coa prohibición total dos praguicidas neonicotinoides que están pondo o vida na biosfera ao límite.

Eleccións e fumigacións: Que partidos galegos prometen parar as fumigacións?

Fumigacións NON! Tamén nas eleccións ao parlamento galego!Reproducimos o resultado dun cuestionario que foi enviado aos partidos galegos que concorren ás eleccións do 21 de outubro en Galiza e que foi publicado no blog de Casdeiro, promotor da recollida de sinaturas online en contra do plan fumigatorio de Aspapel e os seus compinches.

A pregunta

1) Que medidas vai tomar o voso partido ou coalición, se alcanza responsabilidades de goberno, para impedir as fumigacións co pesticida Cascade en Galicia.

2) Que outras medidas relativas ao uso de pesticidas químicos pensades poñer en marcha se gobernades na Xunta, en especial as relativas a pesticidas tóxicos para as abellas e outros insectos polinizadores.

Seguir lendo

Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Seguir lendo

Comeza a entrega de mocións contras as fumigacións

Chegou a hora da acción!. Ao longo desta semanas todos os nosos colaboradores e colaboradoras entregarán nos seus concellos as mocións propostas pola Plataforma dentro da campaña [Acción-Moción], instando aos gobernos municipais a que se posicionen en contra das fumigacións e promovan unha xestión forestal sostible.

Nesta páxina podes consultar un mapa co estado actual da acción e ver en que concellos xa se teñen presentado as mocións.

KML-LogoFullscreen-LogoQR-code-logoGeoJSON-LogoGeoRSS-LogoWikitude-Logo
Mapa Acción-Moción

cargando mapa - por favor, espere...

Moción Valdoviño: 43.605753, -8.144302
Mocion Melide: 42.913818, -8.015556
Moción Santiso: 42.856840, -8.042336
Moción Toques: 42.943606, -7.968864
Moción Marín: 42.391009, -8.702545
Moción Ribadeo: 43.538096, -7.049103
Moción Narón: 43.507725, -8.187561
Moción Vilaboa: 42.347000, -8.650188
Moción Tui: 42.046743, -8.644867
Moción Ares: 43.424999, -8.246613
Moción Redondela: 42.287977, -8.608818
Moción Mondoñedo: 43.428739, -7.364445
Moción Oleiros: 43.332920, -8.348236
Moción Ames: 42.907909, -8.617401
Moción Irixoa: 43.284641, -8.066111
Moción Paderne: 43.286078, -8.172112

Anímate e colabora!, aínda estás a tempo de colaborar e presentar a moción no teu concello e arredores. Tes toda a información e os modelos dos documentos aquí.

[Comunicado de prensa] Centos de persoas amosan en Compostela o seu rexeitamento ás fumigacións con Flufenoxuron e piden unha Galiza sen pesticidas

Manifestación Compostela - Fumigacións NONVarios centos de persoas secundaron onte, 10 de xuño, a manifestación convocada pola Plataforma contra as Fumigacións-Por unha Galiza sen pesticidas en Compostela, para protestar contra a intención da patronal pasteira de combater a praga do gorgullo do eucalipto con fumigacións por toda Galiza, utilizando medios aéreos, e cun pesticida que será prohibido este ano en toda a Unión Europea: o Cascade (do fabricante Basf) que ten por principio activo o flufenoxuron.

Manifestación Compostela - Fumigacións NONEste pesticida está catalogado como daniño pola Unión Europea e a súa venda estará prohibida a partir do 1 de agosto pola súa toxicidade sobre a fauna (especialmente as abellas) e o medio ambiente, razóns polas que non poderá ser empregado máis alá do 31 de decembro. A pesar disto, a Xunta e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) pretenden levar a cabo unha campaña de fumigacións aéreas con este produto, que recoñece, na súa propia ficha técnica, ser tóxico para as larvas das abellas, co que iso supón, non so para as colmeas, senón para a agricultura e a natureza en xeral, polo papel fundamental destes insectos nos procesos de polinización.

Tras partir da Alameda ás 12:00 horas, a manifestación discorreu pola rúa da Senra, prazas Galicia e Toural e rúa do Vilar, para rematar na praza das Praterías. Alí, o portavoz da Plataforma contra as Fumigacións, Xesús Asorey, leu o seguinte manifesto:

A “PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS”queremos poñer en coñecemento da cidadanía que:

– A patronal pasteira, ASPAPEL, coa colaboración da transnacional química BASF, e a conivencia da Xunta pretenden fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus).

– Estes pesticidas xunto con outros sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas. Máis de 30.000 colmeas desaparecen todolos anos na Galiza. Esto convertese nun grave problema xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como principal vector polinizador.

O sector apícola forma parte integrante da agricultura galega. Proporciona ingresos primarios ou complementarios a máis de 4.000 familias en toda Galiza.

Presta uns servizos vitais a agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria dependen da polinización por parte das abellas, cuxo valor económico é moito maior que o valor do mel producido e ascende a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE.

A apicultura tamén presta un servizo importante aos ecosistemas a través da polinización, que contribúe a mellora da biodiversidade ao manter a diversidade xenética das plantas e o equilibrio ecolóxico.

Por añadidura, a apicultura forma parte do património agrícola galego e das nosas tradicións.

Cal é a especie máis valiosa do planeta? Son as abellas, según quedou plasmado nunha reunión de prestixiosos científicos de todo o mundo, en Londres no ano 2008

Se as abellas desaparecesen, como os científicos veñen alertando desde fai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Einstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

– A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira), as zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén afectaría a auga que bebemos. Alén do perigo para nosa saúde e a dos nosos nenos, xa que é nociva para os que son alimentados con leite materno.

– Xunto a aplicación masiva deste agrotóxico,vai incluído un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens). Este veleno, o “Cascade”, matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros, pólo que sería absurdo e contradictorio fumigar a masa forestal de eucaliptos con produtos químicos a vez que se está tratando coa avespa. Tratamentos biolóxicos que se veñen aplicando dende fai anos, e que segundo as propias fontes da Xunta de Galicia , continúan na actualidade, polo tanto tirando os cartos e acabando co traballo realizado.

– Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio.O período de graza concedido pola Comisión Europea para ser retiradas as súas existencias remata o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas industrias interesadas, neste caso BASF, en vender os seus “stocks” de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado “Terceiro Mundo”, acto que tamén denunciamos.

Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que: Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madeireiras e de produción de celulosa, a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.

Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país, como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias.

A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e agrotóxicos, xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente, como a produción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servizo natural, gratuíto e dun incalculable valor.

– Denunciamos que o principal responsabel da praga é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en “desertos verdes” causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución e outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, baseado na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para corrixir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa o abandono do monte e a xeración de emprego.

– Pedimos que nestas medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías, que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública e a nosa propia supervivencia.

Con todo o manifestado defendemos “A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural, que so se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía”.

Moitas grazas dende a Plataforma contra as Fumigacións

Acto informativo contra as fumigacións en Salvaterra

+Galiza, en colaboración co Sindicato Labrego Galego e o grupo ecoloxista Adenco organizan este venres, 8 de xuño, ás 21.30h, na Casa Cultural de Leirado (Salvaterra do Miño), un acto informativo co título “A praga do nematodo do piñeiro e o problema das fumigacións“.

(Se queres ver o programa preme sobre a imaxe)

 

APDR marcha contra as celulosas

Un ano máis, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) convoca a MARCHA CONTRA CELULOSAS; desta volta a data elexida é a do SÁBADO 2 DE XUÑO e sairá ás 19:30 horas das alamedas de Marín e Pontevedra.

Para a APDR este ano a Marcha faise máis necesaria que nunca, xa que tanto ENCE coma ELNOSA pretenden ficar en Lourizán máis alá do 2018, e tratan de conseguir unha prórroga de 30 anos que podería vir da man da modificación da Lei de Costas que pretende facer o PP, pero, ademais, ENCE é a responsábel das fumigacións que nos ocupan e preocupan a todos/as nós, como é responsábel tamén da introdución do gorgullo na Galiza.

Desde a Plataforma contra as fumigacións apoiamos a convocatoria da APDR e animámosvos a acudir á marcha.

Reproducimos o panfleto que a APDR publica de cara á marcha e que podes descargar aquí:

ENCE E ELNOSA NÉGANSE A MARCHAR DE LOURIZÁN…. BOTÉMOLOS XA! Seguir lendo

Resposta ás declaracións da Consellería de Medio Rural e Mar

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa intervención no Pleno o pasado día 23 de maio, afirmou este mércores no parlamento que:

“non está autorizada ningunha fumigación aérea con flufenoxuron e non entrariamos a revogar autorización algunha porque nin sequera hai solicitude”.

Ademais, sinalou que as peticións só se atenden no caso de qeu sexan aéreas, posto que xa se utilizan en tratamentos terrestres.

Podes ler a nota de prensa completa no seguinte enlace a EuropaPress. Na web da xunta colgouse a seguinte nota e un vídeo moi breve.

A continuación reproducimos unha resposta que chega da man de Suso Asorey, membro da Plataforma contra as fumigacións e tamén da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

A Sra. Conselleira do Medio Rural e do Mar:

Como cultivadores de abellas, levamos 12 anos cunha grande desaparición das nosas colmeas, nalgúns lugares cunha desaparición dun 90-100%, por termo medio temos un 30% de desaparicións, unhas 30.000 colmeas/ano, que podemos valorar en 120 millóns de perdas anuais, valor da colmea, valor da produción e valor do efecto polinizador.

O máis importante non é o valor das abellas nin dos seus produtos, o efecto polinizador é o que máis importa: Seguir lendo

Entrega de 86.426 sinaturas contra as fumigacións á Xunta de Galicia

O pasado luns 21 de marzo, fíxose entrega no Rexistro da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela de máis de 86.000 sinaturas recollidas na campaña online contra as fumigacións con flufenoxurón, insecticida altamente tóxico que será retirado do mercado da UE a partires de agosto.

Ao acto acudiron membros da Plataforma contra as fumigacións así como diversos medios de comunicación como Grupo Voz, TVE, SER, rne, etc, que cubriron a nova.

Ademais das 86.426 sinaturas tamén se fixo entrega dunha cesta con un bote de mel e outros produtos agrícolas cuxa produción corre perigo se as fumigacións se fan efectivas debido á mortandade que o insecticida produce nas abellas.

Como próxima acción a Plataforma convocará unha manifestación en Compostela o domingo 10 de xuño.

Podes ver as declaracións de representantes da plataforma no seguinte video:

Tamén o Telexornal da TVE1 se fixo eco da nova:

Outros medios onde se pode ler algo sobre a entrega das sinaturas:

El país: 100.000 firmas para detener las fumigaciones de eucaliptos
Europapress: La Plataforma contra as Fumigacións entrega a la Xunta 100.000 firmas contra el uso de un pesticida “tóxico”
Galicia confidencial: Máis de 85.000 sinaturas contra as fumigacións