Todo pola pasta (de papel)!

(Versión extendida dun artigo de Casdeiro publicado na sección Altermundo do número de setembro da revista Tempos Novos. Ao artigo, escrito no 15/08/2012 engadíronselle ligazóns nesta versión online para quen quixer ampliar información, e máis algunhas notas ao pé.)

A industria papeleira española segue adiante cos seus plans de fumigar masivamente Galiza cun pesticida declarado tóxico pola UE.

Para salvar os eucaliptos, sacrificar as abellas; e con elas non só o medio de vida de milleiros de apicultores senón un elemento chave dos nosos ecosistemas que permite a polinización de numerosas plantas incluídas moitas das que nos alimentamos. Ese é o plan que xorde a comezos deste ano no seo de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón), entidade presidida por ENCE, e que comeza a poñerse en marcha en primavera coa colaboración da Xunta de Galicia, asociacións forestais galegas, determinados concellos gobernados polo PP e técnicos do centro de investigación de Areeiro. O monocultivo do eucalipto en Galiza áchase afectado por unha praga (algo ao que son sumamente proclives os monocultivos) dun insecto chamado Gonipterus scutellatus, comunmente coñecido como gorgullo do eucalipto. Malia existiren outras vías menos daniñas para o combater, como a loita biolóxica, a industria papeleira opta por empregar un insecticida da casa BASF chamado comercialmente Cascade, e cuxo principio activo é o flufenoxurón. O abriante do caso é que, contravindo a normativa europea, elíxese facer por medio de fumigacións aéreas (que esparexen o produto mesmo fóra das zonas afectadas) e sobre todo que o feito de que a propia UE decideu proibir a súa fabricación, comercialización e uso por ser demasiado daniño para o medio ambiente. Porén, alguén debeu pensar que había que colocar os stocks do Cascade antes de que entrase en vigor a proibición e todo apunta a que elexiron Galiza como o país que ía apandar.

Seguir lendo

FSC: Quen certifica aos certificadores?

A través da páxina de Verdegaia chéganos unha nova sobre os fraudes na concesión de certificacións para as explotacións forestais galegas.

Bureau Veritas emitiu o certificado FSC para a empresa ENCE-NORFOR a pesar de incumplir algús dos requirimentos como a multifuncionalidade dos cultivos ou cuestións relativas aos danos ambientais que provoca a xestión forestal da empresa e leva tempo a facer caso omiso das reclamacións da FEG de retirada do selo FSC.

En vista disto a Federación Ecoloxista Galega ven de presentar diante da entidade responsábel de certificar os certificadores, Acreditation Services International, unha nova reclamación solicitando a suspensión de Bureau Veritas como empresa certificadora e de NORFOR como empresa certificada, pondo de manifesto a fraude na que se ten incorrido e as sospeitas de corrupción no FSC.

Pódese ler a nova completa na páxina de Verdegaia, aquí.