Preséntase no parlamento galego unha iniciativa para protexer as abellas e prohibir os plaguicidas neonicotinoides e fenilpirazoles

Reproducimos o texto da iniciativa parlamentar presentada polo deputado Antón Sánchez García, de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) da que xa daba conta a prensa o pasado día 6 de decembro:

Parlamento de GalizaO grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a iniciativa do seu deputado Antón Sánchez García e a través da súa Vicevoceira Yolanda Díaz Pérez, e ao abeiro no disposto no artigo 160 do Regulamento do Parlamento de Galiza presenta ante a Mesa a seguinte Proposición Non de Lei relativa á preservación dos insectos polinizadores e da supresión da moratoria sobre os pesticidas da familia dos neonicotinoides e fenilpirazoles, para o seu debate en Comisión.
Seguir lendo

A apicultura en Galiza e os pesticidas

(Un artigo de Suso Asorey, da AGA)

A apicultura en Galiza

Segundo se indica na tese de doutoramento de Abel Yañez, no ano 1988 existían en Galiza uns 4.731 abelleiros con 94.800 colmeas. A provincia de Lugo con 1.710 abelleiros é a máis apícola, seguida da Coruña con 1.400 e Ourense e Pontevedra con 800 abelleiros cada unha.

Trátase dunha pequena apicultura, onde o 92% dos abelleiros non supera as 50 colmeas, mentres na Unión Europea considéranse profesionais a aqueles produtores que superan as 150 colmeas. A apicultura pode ser importante dentro dunha agricultura de tipo pluriactivo ou multifuncional. Mais os abelleiros, por pequenos que sexan, realizan un labor medioambiental ao que habería que darlle moita importancia. A paixón polas abellas está por riba da produción.

AbellasNo ano 1980 naceu a Asociación Galega de Apicultura, AGA, coa fin de informar, formar e asesorar tecnicamente aos abelleiros. A AGA creou no ano 1990 a cooperativa Erica Mel para comercializar e dar servizos a máis de 300 abelleiros de toda Galiza que son os máis profesionalizados. Tamén foi a promotora da denominación Mel de Galiza-Indicación xeográfica protexida (IXP), á que pertencen na actualidade máis de 400 abelleiros. O interese desta denominación estriba na promoción e control duns meles que proceden fundamentalmente de plantas silvestres: castiñeiro, queirogas, silvas, carballos, eucaliptos…

Na actualidade, o sector apícola galego está pasando unha forte crise; as abellas desaparecen sen deixar rastro. Desapareceron en Galiza máis de 1.300 abelleiros nos dez últimos anos, nas provincias de A Coruña e Pontevedra abandoaron case un 60% dos abelleiros e nesas zonas desapareceron tamén máis dun 60% das colmeas que había hai 12 anos. Moitos abelleiros repoñen as baixas tódolos anos e volven a quedar sen abellas á saída do inverno. Non se trata de ningunha doenza coñecida.

Aquí pasa o mesmo que no resto de Europa, este fenómeno apareceu a partir do uso dunha nova xeración de pesticidas sistémicos neurotóxicos. Nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas, por termo medio nestes últimos anos desapareceu máis do 50% da cabana apícola galega. Esta situación agravouse nos derradeiros 3-4 anos.

Despois dos estudos e traballos científicos realizados noutros países, sobre todo en Francia, chegamos á conclusión de que tamén aquí estes pesticidas son os responsábeis desta desfeita.

Pesticidas

O primeiro produto coñecido en Galiza foi o Confidor (principio activo Imidacloprid), insecticida de amplo espectro, sistémico, neurotóxico, que fabrica a firma Bayer e que se usa en fumigacións sobre todo en hortos, invernadoiros, froiteiras, patacas, etc. Na propia etiqueta aparece como “moi perigoso para as abellas”, e na actualidade tamén se usa para fumigar eucaliptos.

Outros nomes comerciais que tamén se usan pero que non están á venda son o Gaucho (Imidacloprid) e o Regent (Fipronil). Estes pesticidas veñen coas sementes xa tratadas, máis frecuentemente de millo, aínda que tamén poden vir coas sementes de trigo, cebada, remolacha, patacas…

Poden causar intoxicacións agudas, nos días seguintes ás fumigacións ou sementeiras, e tamén intoxicacións crónicas, intoxicación lenta e subletal despois do seu uso e debido a que se espallan pola terra e tamén a que perduran. A intoxicación crónica pode durar até 3 anos despois da utilización dos pesticidas. Por contacto ou inxestión, afectan ao seu sistema nervioso das abellas, que perden o sentido da orientación e xa non volven a colmea.

As áreas máis afectadas en Galiza corresponden coas zonas de horta, froiteiras, millo e ultimamente coas zonas de eucaliptos tratados. Tamén aparecen os efectos en zonas que non coinciden coas anteriores, que pode ser debido a que o vento ou a auga levaron os produtos a longas distancias. Isto pode ocorrer durante as fumigacións ou polo desprendemento de pó dos graos de millo durante a sementeira. O millo con Regent, que foi prohibido en Francia, estase utilizando aquí na Galiza, como se puido comprobar no ano 2005.

Solución

Ecoloxistas e abelleiros/as sabemos que non pode haber abellas sans nun medio ambiente enfermo, e que nun medio ambiente enfermo tamén se resinte a saúde humana. A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Por iso, os nosos gobernantes deberían pensar en modelos de produción agraria alternativos, xa que o actual é moi pernicioso.

Pesticidas

IMIDACLOPRID

Hai uns anos a Nihon Bayer Agrochemicals K.K. desenvolveu un grupo de moléculas chamadas “nicotinoides” derivadas da nicotina. A súa acción mortal nos insectos exércese sobre o sistema nervioso central, bloqueando de forma irreversíbel os receptores nerviosos. Os fitosanitarios que conteñen Imidacloprid úsanse para tratar o pulgón e a mosca branca, así como para o tratamento da semente da pataca, millo e outros cereais ou legumes. O imidacloprid é 10.000 veces más potente que a propia nicotina, e degradase en oito metabolitos, as veces con acción máis potente que a propia materia activa.

FIPRONIL

Pesticidas tóxicos para as abellasDescuberto polos laboratorios franceses Rhone Poulenc a finais dos anos 80, é o principio activo do insecticida comercializado como Regent TS, que se comercializa desde 1997 para tratar as sementes de millo, xirasol e outros cereais. O seu principal fin é loitar contra as larvas, pero os insectos que entran en contacto, incluídas as abellas, morren por sobreexcitación, xa que afecta aos transmisores nerviosos. O fipronil está presente tamén en produtos de xardinería e veterinarios para matar os parasitos dos animais de compañía.

Canceríxeno: a Axencia de Protección do Medio Ambiente de EE.UU. clasificou o fipronil como canceríxeno (produto susceptíbel de provocar cáncer) porque os animais de laboratorio expostos a el desenvolveron tumores benignos e malignos de tiroides. Un dos produtos resultante da súa descomposición pola luz (fipronil-desulfinil) é dez veces más tóxico que o propio fipronil.

MARCAS COMERCIAIS

Imidacloprid (Bayer): Gaucho® (80% imidacloprid), para a protección de sementes (millo, xirasol, xudías, etc.), e Confidor® (20%) e Escocet ® (35%) de aplicación por pulverización para froiteiras, legumes e hortalizas. Fipronil (Basf): Regent®, igualmente para o tratamento de sementes, e pulgas de animais domésticos.

INSTRUCIÓNS

É paradoxal que o Confidor, co 20% de materia activa, indique nas instrucións de uso “moi perigoso para as abellas” e o resto dos produtos, con porcentaxes moito maiores, non fagan ningunha mención á súa alta perigosidade.

Posición oficial

A Resolución B5-0000/2003, de data 23 de xuño de 2003, do Parlamento Europeo sobre as dificultades ás que se enfronta a apicultura europea, entre outras cousas afirma o seguinte:

“…os apicultores deben facer fronte a graves problemas vinculados á perda da cabana apícola (por encima do 80%)…
– …a perda non cesa de agravarse de ano en ano.
– …obsérvase unha sincronización xeográfica e temporal na aparición de ditos síntomas, debido á utilización de novas xeracións de sustancias activas sistémicas neurotóxicas.
– …os síntomas son novos e non se parecen nada a outras patoloxías xa coñecidas e controladas polos apicultores.
– …esta nova xeración de produtos (en particular, o imidacloprid e o fipronil) utilizados en doses sumamente baixas (uns poucos ppb) teñen efectos tóxicos…
– …hoxe sabemos que entre un 2% e un 3% da poboación (humana) sofre patoloxías vinculadas a disfuncións do sistema nervioso nos lugares directamente afectados polos produtos neurotóxicos…
– …debe evitarse a calquera prezo que os agricultores se enfronten una vez más a unha contaminación alimentaria escandalosa do tipo “EEB”, da que non serían responsábeis pero si as primeiras víctimas.
– …que se adopten medidas preventivas polo que respecta a utilización das novas xeracións de produtos neurotóxicos remanentes”
.

Posición científica

Dr. Marc E. Colin. Departamento de Patoloxía Comparada. Universidade de Montpellier (Francia)

As conclusións dos seus estudos son claras e contundentes. Estes produtos producen nas abellas tremores, comportamento de limpeza exaxerado, mala orientación e, finalmente, desaparición das colleiteiras, non ligada obrigatoriamente a unha mortaldade diante da colmea; síntomas ben diferentes aos causados polas enfermidades virais.

O imidacloprid é un nicotinoide que actúa sobre o sistema nervioso central. É 10000 veces máis potente que a propia nicotina e provoca tremores, e unha inmensa debilidade muscular que leva á morte do insecto. Degrádase en 8 metabolitos, ás veces con acción insecticida máis forte que a propia materia activa. Xa se atoparon receptores de imidacloprid no home.

O fipronil pertence a familia dos fenilpirazois e a súa acción e características son moi similares as do imidacloprid. En canto á contaminación en plantas, atopáronse valores medios de 3,5 microgramos/kg no millo e de 1,9 microgramos/kg en pole. A dose letal 50 (DL50, ou dose capaz de matar o 50% das abellas expostas) por inxestión para a abella é de 4,5 nanogramos (mil veces menor que o micro), e por contacto, de 24 ngr. En canto ao fipronil, os datos foron de 4 ngr por inxestión e 6 ngr por contacto.

Abellas alimentadas durante 10 días con xarope contaminado con 0,1 microgr/kg de imidacloprid sofriron unha mortaldade do 40%, mentres que con xarope contaminado con fipronil con 0,01 microgr obtívose aos 10 días unha mortaldade de até o 65% dos individuos.

Para Colin estes insecticidas supoñen un grave problema para o medio por mor da dispersión de moléculas altamente tóxicas no ar, auga e terra, pero incluso para os consumidores que poderían atopar estas toxinas no leite dos animais alimentados con silos de millo Regent ou na auga de rego ou de consumo.

Ademais, asegura Colin: “Cos insecticidas tradicionais fan falta varios microgramos para matar a unha abella. Porén, con cinco nanogramos de fipronil descubrimos que xa morren. É a milésima parte do que ocorría cos produtos tradicionais”.

A importancia das abellas

Albert Einstein:

Sen abellas non hai alimentación para o home, as abellas son a base da vida humana na Terra

Esta afirmación de Einstein refírese ao papel polinizador das abellas e pon de manifesto a importancia das mesmas. Segundo a FAO, o 76% da alimentación humana depende da presenza de abellas nos nosos campos. As producións directas, mel, pole, xelea real, própole, cera… cuantitativamente son insignificantes, mais non así cualitativamente, pois trátase de produtos de extraordinario valor alimenticio e terapéutico. Pero a produción indirecta derivada da presenza destes insectos entomófilos, polinizadores do 80% das plantas con flores, é moi superior. Por cada euro que percibe o abelleiro polos produtos das súas abellas o seu equivalente en polinización de produtos agrícolas avalíase en 30 euros.

As abellas visitan as flores e, de paso que recollen o néctar, transportan o pole (célula masculina) polas distintas flores da mesma especie e provocan a fecundación dos óvulos (célula feminina) e o desenvolvemento de froitos e sementes, e a aparición de novas plantas.

Polo tanto, as colonias de abellas aseguran a polinización das plantas agrícolas e garanten a presenza de milleiros de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade. De faltárennos as abellas, rachará unha cadea do ecosistema na que os humanos somos un elo máis.

A Sociedade Galega de Historia Natural solicita á conselleira de Medio Rural que se deteña a campaña de fumigacións

En relación coas novas publicadas na web da Consellería de Medio Rural e Mariño e tamén na do Concello de Melide sobre a fumigación contra a praga de Gonipterus scutellatus nos eucaliptos con productos químicos coa sustancia activa Flufenoxuron, SGHN ven de dirixir un escrito á Conselleira de Medio Rural e do Mar expoñéndolle:

  1. Que esta sustancia ten prohibido o uso a partir do Regulamento de Execución (UE) nº 942/2011 da Comisión de 22 de septembro de 2011 polo que se establece a non aprobación da sustancia activa flufenoxurón, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1107/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á comercialización de productos fitosanitarios, e que modifica a Decisión 2008/934/CE da Comisión, que no seu artigo 1 declara a non aprobación desta sustancia activa debendo ser retirado denantes do 31 de nadal de 2011 (artigo 2º), salvo aplicación do período de gracia concedido polos Estados membros, gracia que non consta que se outorgase e que de calquera xeito expiraría o 31 de nadal de 2012.
  2. Que non existen insecticidas ou biocidas específicos para Gonipterus scutellatus, polo que de empregar algún xenérico como o Flufenoxuron afectaría a todos os insectos variando só os efectos en función da resistencia química de cada especie ou poboación.
  3. Que as cantidades necesarias a liberar serían masivas para ser efectivas, polo que as consecuencias serían uns danos enormes sobre:
    • As poboacións de artrópodos en xeral, incluindo insectos beneficiosos como as abellas, para as cales os productos con esta sustancia constitúen un risco dacordo coas súas fichas de seguridade.
    • Toda a cadea trófica e, ademais, en plena tempada de cría para as especies insectívoras (anfibios, réptiles, aves, mamíferos, etc), a meirande parte delas protexidas pola lexislación vixente e non poucas incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007; Decreto 167/2011).
    • A supervivencia do Hymenoptera parásita (Anaphes nitens) das postas de Gonipterus, polo que se reducirá a efectividade da liberación desta especie na campaña de loita biolóxica contra o Gonipterus, tal como se recolle nos estudos de:
      – SANTOLAMAZZA CARBONE, S. & FERNÁNDEZ DE ANA MAGAN, F.J. 2004. Efectos de dos insecticidas de síntesis y de dos bio-insecticidas sobre el defoliador del eucalipto Gonipterus scutellatus Gyllenhal y su agente de control biológico Anaphes nitens Girault. Bol. San. Veg. Plagas, 30:665-277.
      – SANTOLAMAZZA CARBONE, S. & FERNÁNDEZ DE ANA MAGAN, F.J. 2004. Testing of selected insecticides to assess the viability of the integrated pest management of the Eucalyptus snout-beetle Gonipterus scutellatus in north-west Spain JEN 128(9/10) doi: 10.1111/j.1439-0418.2004.00893.620–627.
  4. Que, polo indicado nos puntos anteriores, nin se entende nin se comparte a devandita campaña de fumigación cunha substancia:
    • Non empregada masivamente con anterioridade.
    • Contraproducente cara a campaña de loita biolóxica con Anaphes nitens.
    • Prohibida no territorio europeo.
    • Comparativamente cara, máxime cos axustes orzamentarios restrictivos dos últimos tempos.

Por todo o cal, SGHN solicitoulle á Conselleira de Medio Rural e do Mar :

  1. Que se facilite á SGHHN información sobre:
    • Os motivos da Xunta de Galicia para pretender realizar, precisamente agora, unha fumigación xeneralizada con estes produtos fitosanitarios non aprobados pola U.E.
    • O orzamento aportado pola Xunta de Galicia para dita campaña de fumigación, a partida orzamentaria, e a porcentaxe dos custes totais que se pagarían con fondos públicos da Xunta de Galicia.
  2. Que a loita contra o Gonipterus scutellatus se realice exclusivamente a través das prácticas empregadas en campañas anteriores con Anaphes nitens, alomenos ata que non se demostre o salto hacia outros hospedadores autóctonos.
  3. Que se lle comunique ó Concello de Melide que tales fumigacións non poden ser obrigatorias.
  4. Que se anule a devandita campaña de fumigación indiscriminada.