Fumigacións de fincas agrarias: “efectos colaterais”

Desde o Sindicato Labrego Galego chéganos un comunicado de prensa sobre o impacto das fumigacións contra o gorgullo en fincas agrarias próximas aos eucaliptais.

Reproducimos íntegro o contido da nota de prensa:

Indignación no lugar de Painceira, en Cerdido, polo impacto tóxico das fumigacións en fincas agrarias lindeiras cos eucaliptais sulfatados

A veciñanza do lugar de Painceira, parroquia de Barqueira, no coruñés concello de Cerdido, está indignada ao ser sulfatadas as súas fincas agrarias como efecto colateral das fumigacións con canóns en plantíos de eucaliptos lindeiros. As condicións meteorolóxicas de hoxe, con vento intenso, fixeron que os pesticidas se esparexesen por prados nos que se cultiva herba que está a piques de ser recollida e por leiras de patacas. O máis grave é que este pesticida altamente tóxico puido chegar até as casas habitadas da zona.

Aínda que non o puidemos confirmar, o máis probable é que estas fumigacións, que en Cerdido están a ser feitas por unha empresa portuguesa, se inclúan dentro da campaña de erradicación do gorgullo do eucalipto co insecticida Cascade, que ten por principio activo o Flufenoxuron, e cuxa comercialización será prohibida o 1 de agosto en toda a Unión Europea pola súa perigosidade. O Flufenoxuron está considerado como altamente tóxico para as persoas, a fauna (especialmente as abellas) e o medio ambiente (especialmente os cursos de auga), razóns polas que non poderá ser empregado máis alá do 31 de decembro. A pesar disto, a Xunta e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) pretenden levar a cabo unha campaña de fumigacións aéreas con este produto, que recoñece, na súa propia ficha técnica, ser tóxico para as larvas das abellas, co que iso supón, non so para as colmeas, senón para a agricultura e a natureza en xeral, polo papel fundamental destes insectos nos procesos de polinización.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos, tanto á Xunta como aos concellos afectados, que ordenen o cese inmediato de toda esta campaña de fumigacións que, como no caso de Painceira, está a afectar de xeito directo non só ao medio ambiente polo impacto tóxico do Flufenoxuron, senón que tamén se están vendo seriamente afectadas as actividades agrogandeiras da zona e mesmo as persoas que viven nas inmediacións.

 

 

Acto informativo contra as fumigacións en Salvaterra

+Galiza, en colaboración co Sindicato Labrego Galego e o grupo ecoloxista Adenco organizan este venres, 8 de xuño, ás 21.30h, na Casa Cultural de Leirado (Salvaterra do Miño), un acto informativo co título “A praga do nematodo do piñeiro e o problema das fumigacións“.

(Se queres ver o programa preme sobre a imaxe)

 

Pretenden fumigar na Costa da Morte cun produto químico tóxico

Noticia aparecida no web ANosaCosta.es o día 11/05/2012:

Pretenden fumigar a comarca cun produto químico tóxico

Varias entidades advirten da toxicidade e dos efectos nocivos que terá a acción.

Co obxetivo de combater a praga no goníptero nos eucaliptais, ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón) pretende impulsar unha campaña de fumigacións en distintos puntos de Galicia.

A polémica xurde pola prevista utilización do flufenoxurón, unha sustancia tóxica e que quedará prohibida desde o vindeiro mes de agosto en toda a Unión Europea. Este dato puxo en alerta a diversos colectivos que se agruparon entorno a plataforma fumigacionsnon.org, e que piden que non se leven a cabo estas fumigacións aéreas masivas polos efectos para o medio ambiente.

Equo presentou unha denuncia ante a UE contra o goberno español, a Xunta e o concello de Melide pola publicidade e a permisividade neste asunto. Desde o partido que dirixe López de Uralde advirten que o produto en cuestión terá serios “efectos nocivos” para a flora, o solo, a saúde humana e a fauna, e especialmente, para as colonias de abellas.

Desde Verdegaia acusan a Xunta de “connivencia”, e desde Adega pensan que “A Xunta podería estar sendo cómplice, dun delicto contra a saúde das persoas eo medio ambiente”.Tamén sindicatos como o Sindicato Labrego Galego e colectivos como a asociación de apicultores de Galicia presentaron unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente.

Algún lector púxose en contacto con Anosacosta denunciando está situación, e efectivamente segundo a documentación difundida por Adega, Santa Comba, Zas, Vimianzo, Dumbría, Cee, Fisterra, Corcubión, Ponteceso e Cabana están no mapa de fumigacións.

A nova, noutra versión lixeiramente diferente, apareceu tamén no web ANosaGalicia.es.