Festa e reivindicación no Día da Abella en Arzúa

Acompañados por un tempo despexado —que polo que comentan non é habitual na Festa do Queixo en Arzúa— celebramos no local da Asociación Galega de Apicultores no Centro do Queixo e do Mel, unha xornada festiva para celebrarmos a vitoria das abellas (e de todo o resto de seres que vivimos grazas ao seu incansable labor de polinización) fronte aos demenciais plans de fumigar centos de milleiros de hectares co praguicida tóxido flufenoxurón (nome comercial: Cascade).

As actividades comezaron ás 10 da mañá con obradoiros onde os nenos e nenas asistentes puideron fabricar as súas propias candeas con cera de abella ao tempo que se ofrecían degustacións de mel e queixo, e se puideron visitar as instalacións. A mañá tivo un colofón emotivo e vibrante coa música de Mini e Mero, as palabras reivindicativas da incansable loita a prol das abellas de Xesús Asorei, e as voces de Séchu Sende e Luz Fandiño que recitaron pasaxes das súas obras relacionados coas abellas e a loita social.

Durante o acto e nos momentos previos tamén se puideron ler nun ordenador ubicado no local e en páxinas impresas, numerosas mensaxes de apoio e saúdo tanto das recibidas nos momentos álxidos da loita social para determos as fumigacións con flufenoxurón, como referidas á propia festa que se celebraba. Así puideron estar connosco moitas persoas que por razóns de distancia non puideron acompañarnos fisicamente.

Momentos antes nunha xuntanza aberta da Plataforma contra as fumigacións, avanzouse de maneira importante na consolidación desta rede de colectivos galegos, que agora pasará a denominarse Por un futuro sen praguicidas (pois pesticidas é un anglicismo incorrecto xa que pest debe traducirse por praga en galego) e que terá a partir de agora responsables para diveras áreas de funcionamento e actuación. Nela falamos da loita mantida ata o de agora contra o praguicida que ameazaba de maneira masiva e inminente un punto crítico dos nosos ecosistemas, como son as abellas, e tamén da loita aínda en marcha por defender estes animais —os máis importantes do planeta— así como a sostibilidade da nosa agricultura en xeral, das ameazas tóxicas aínda presentes ao noso redor.

Agradecemos desde a Plataforma a asistencia ao público que desde diversos puntos de Galiza se desprazou ata Arzúa para desfrutar deste acto e ás organizacións participantes nesta xuntanza que marca o comezo dunha nova etapa na loita contra os biocidas no noso país.

En breve procederemos a reflectir as mudanzas desta nova etapa no noso web.

A continuación ofrecemos algunhas fotos do acto, tomadas polos membros da AGA:

Mini e Mero

Luz Fandiño con Mini e Mero

Público asistente ao Día da Abella

Luz Fandiño con Mini e Mero

[ACTUALIZACIÓN 07/03/2013] Engadimos máis fotos, esta vez tomadas pola xente da Casa do Mel, de As Pontes:

Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Xesús Asorey nos actos do Día da Abella (3 de marzo de 2013)

Público asistente aos actos do Día da Abella (3 de marzo de 2013)

Mini e Mero nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Mini e Mero nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

Séchu Sende nos actos do Día da Abella (Arzúa, 3 de marzo de 2013)

[Comunicado de prensa] Centos de persoas amosan en Compostela o seu rexeitamento ás fumigacións con Flufenoxuron e piden unha Galiza sen pesticidas

Manifestación Compostela - Fumigacións NONVarios centos de persoas secundaron onte, 10 de xuño, a manifestación convocada pola Plataforma contra as Fumigacións-Por unha Galiza sen pesticidas en Compostela, para protestar contra a intención da patronal pasteira de combater a praga do gorgullo do eucalipto con fumigacións por toda Galiza, utilizando medios aéreos, e cun pesticida que será prohibido este ano en toda a Unión Europea: o Cascade (do fabricante Basf) que ten por principio activo o flufenoxuron.

Manifestación Compostela - Fumigacións NONEste pesticida está catalogado como daniño pola Unión Europea e a súa venda estará prohibida a partir do 1 de agosto pola súa toxicidade sobre a fauna (especialmente as abellas) e o medio ambiente, razóns polas que non poderá ser empregado máis alá do 31 de decembro. A pesar disto, a Xunta e a Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) pretenden levar a cabo unha campaña de fumigacións aéreas con este produto, que recoñece, na súa propia ficha técnica, ser tóxico para as larvas das abellas, co que iso supón, non so para as colmeas, senón para a agricultura e a natureza en xeral, polo papel fundamental destes insectos nos procesos de polinización.

Tras partir da Alameda ás 12:00 horas, a manifestación discorreu pola rúa da Senra, prazas Galicia e Toural e rúa do Vilar, para rematar na praza das Praterías. Alí, o portavoz da Plataforma contra as Fumigacións, Xesús Asorey, leu o seguinte manifesto:

A “PLATAFORMA CONTRA AS FUMIGACIÓNS. POR UN FUTURO SEN PESTICIDAS”queremos poñer en coñecemento da cidadanía que:

- A patronal pasteira, ASPAPEL, coa colaboración da transnacional química BASF, e a conivencia da Xunta pretenden fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo (Gonipterus scutellatus).

- Estes pesticidas xunto con outros sistémicos (agrotóxicos) están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas, nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas. Máis de 30.000 colmeas desaparecen todolos anos na Galiza. Esto convertese nun grave problema xa que as abellas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como principal vector polinizador.

O sector apícola forma parte integrante da agricultura galega. Proporciona ingresos primarios ou complementarios a máis de 4.000 familias en toda Galiza.

Presta uns servizos vitais a agricultura a través da polinización e contribúe ao mantemento da biodiversidade. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria dependen da polinización por parte das abellas, cuxo valor económico é moito maior que o valor do mel producido e ascende a uns 15.0000 millóns de euros anuais na UE.

A apicultura tamén presta un servizo importante aos ecosistemas a través da polinización, que contribúe a mellora da biodiversidade ao manter a diversidade xenética das plantas e o equilibrio ecolóxico.

Por añadidura, a apicultura forma parte do património agrícola galego e das nosas tradicións.

Cal é a especie máis valiosa do planeta? Son as abellas, según quedou plasmado nunha reunión de prestixiosos científicos de todo o mundo, en Londres no ano 2008

Se as abellas desaparecesen, como os científicos veñen alertando desde fai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Einstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

- A fumigación con medios aéreos, provoca que até o 60% dos agrotóxicos dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, o agrotóxico pode afectar e chegar a espazos naturais , a fincas veciñas con cultivos (derramando a produción ecolóxica se existira), as zonas habitadas debido a gran dispersión da poboacíon galega, e tamén afectaría a auga que bebemos. Alén do perigo para nosa saúde e a dos nosos nenos, xa que é nociva para os que son alimentados con leite materno.

- Xunto a aplicación masiva deste agrotóxico,vai incluído un tratamento biolóxico cunha avispa australiana (Anaphes nitens). Este veleno, o “Cascade”, matará tamén á Anaphes e a todo artrópodo nun radio de quilómetros, pólo que sería absurdo e contradictorio fumigar a masa forestal de eucaliptos con produtos químicos a vez que se está tratando coa avespa. Tratamentos biolóxicos que se veñen aplicando dende fai anos, e que segundo as propias fontes da Xunta de Galicia , continúan na actualidade, polo tanto tirando os cartos e acabando co traballo realizado.

- Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o Flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio.O período de graza concedido pola Comisión Europea para ser retiradas as súas existencias remata o 31 de decembro de 2012. Dende a Xunta de Galicia non se fai mención a esta cuestión polo que nos fai sospeitar que está dacordo con estas industrias interesadas, neste caso BASF, en vender os seus “stocks” de pesticidas que nuns meses só poderá colocar en países do chamado “Terceiro Mundo”, acto que tamén denunciamos.

Polo anteriormente expresado amosamos o noso firme rexeitamento a este intento de fumigación e manifestamos que: Se a Consellaría de Medio Rural segue a avalar as esixencias da industria da celulosa e da industria química, e opta por non parar as fumigacións aéreas con agrotóxicos estará avalando a fumigación masiva da cidadanía galega, da flora e da fauna, e sobre todo levando por diante a nosa soberanía alimentar co exterminio das abellas. Todo isto, para beneficiar, ostentiblemente, ás grandes industrias madeireiras e de produción de celulosa, a costa de comprometer o futuro e a supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros e da cidadanía en xeral.

Fronte esta visión da administración pública dos nosos montes tan lesiva para o país, como cidadáns negámonos a aceptar que o conxunto do territorio galego se converta na finca privada dunhas poucas industrias con licenza para esquilmar e contaminar ao seu antollo en beneficio único e exclusivo das súas contas bancarias.

A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas e agrotóxicos, xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Reclamamos por tanto das administracións a adopción de medidas urxentes tendentes a prohibir o uso destes produtos nas masas forestais e tamén na agricultura. Neste sentido, a producción agraria debe estar orientada cara modelos alternativos, máis sustentábeis e respectuosos co medio ambiente, como a produción agroecolóxica. Unha nova agricultura libre de agrotóxicos e transxénicos é necesaria para que as nosas abellas continúen a prestar un servizo natural, gratuíto e dun incalculable valor.

- Denunciamos que o principal responsabel da praga é o monocultivo de eucalipto que se estende por toda Galiza. Ademais de ser unha especie alóctona, este cultivo é un grave erro que converteu os nosos montes en “desertos verdes” causante dunha das grandes lacras do noso país, o lume. A única solución e outra política forestal baseada na multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte coa utilización doutras especies vexetais, que promovan un uso alternativo ou complementario, baseado na correcta ordenación dos nosos montes e do territorio para que formen parte da sociedade en xeral, e da veciñanza do rural. Isto bastaría para corrixir os erros cometidos ata o de agora o mesmo tempo que serven de alternativa o abandono do monte e a xeración de emprego.

- Pedimos que nestas medidas correctoras e de paralización das fumigacións se impliquen o resto das consellerías, que como Sanidade ou Medio Ambiente tamén teñen algo que dicir, xa que está en xogo a saúde pública e a nosa propia supervivencia.

Con todo o manifestado defendemos “A biodiversidade e a función produtora de alimentos do noso medio rural, que so se garante con prácticas agrícolas e forestais que sigan os principios da Agroecoloxía”.

Moitas grazas dende a Plataforma contra as Fumigacións

Resposta ás declaracións da Consellería de Medio Rural e Mar

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa intervención no Pleno o pasado día 23 de maio, afirmou este mércores no parlamento que:

“non está autorizada ningunha fumigación aérea con flufenoxuron e non entrariamos a revogar autorización algunha porque nin sequera hai solicitude”.

Ademais, sinalou que as peticións só se atenden no caso de qeu sexan aéreas, posto que xa se utilizan en tratamentos terrestres.

Podes ler a nota de prensa completa no seguinte enlace a EuropaPress. Na web da xunta colgouse a seguinte nota e un vídeo moi breve.

A continuación reproducimos unha resposta que chega da man de Suso Asorey, membro da Plataforma contra as fumigacións e tamén da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

A Sra. Conselleira do Medio Rural e do Mar:

Como cultivadores de abellas, levamos 12 anos cunha grande desaparición das nosas colmeas, nalgúns lugares cunha desaparición dun 90-100%, por termo medio temos un 30% de desaparicións, unhas 30.000 colmeas/ano, que podemos valorar en 120 millóns de perdas anuais, valor da colmea, valor da produción e valor do efecto polinizador.

O máis importante non é o valor das abellas nin dos seus produtos, o efecto polinizador é o que máis importa: Seguir lendo

«Toma la tierra» fala das fumigacións

Suso Asorey, da Asociación Galega de Apicultura, e como representante da Plataforma contra as fumigacións participou no sexto programa de radio online Toma la Tierra. Podes escoitar o audio aquí. (A intervencíon é arredor do minuto 18).

Descarga o programa en (.mp3) ou escóitao na web de Toma la Tierra.

Toma la tierra é a Rede Estatal para a coordinación e difusión de loitas e proxectos en defensa da terra. Algunhas das súas ferramentas son unha web participativa, un programa de radio ou unha xira de difusión cara a cara que leva a activistas da rede a viaxar por todo o estado, dando a coñecer as diferentes loitas que están a ter lugar en todo o territorio.

A apicultura en Galiza e os pesticidas

(Un artigo de Suso Asorey, da AGA)

A apicultura en Galiza

Segundo se indica na tese de doutoramento de Abel Yañez, no ano 1988 existían en Galiza uns 4.731 abelleiros con 94.800 colmeas. A provincia de Lugo con 1.710 abelleiros é a máis apícola, seguida da Coruña con 1.400 e Ourense e Pontevedra con 800 abelleiros cada unha.

Trátase dunha pequena apicultura, onde o 92% dos abelleiros non supera as 50 colmeas, mentres na Unión Europea considéranse profesionais a aqueles produtores que superan as 150 colmeas. A apicultura pode ser importante dentro dunha agricultura de tipo pluriactivo ou multifuncional. Mais os abelleiros, por pequenos que sexan, realizan un labor medioambiental ao que habería que darlle moita importancia. A paixón polas abellas está por riba da produción.

AbellasNo ano 1980 naceu a Asociación Galega de Apicultura, AGA, coa fin de informar, formar e asesorar tecnicamente aos abelleiros. A AGA creou no ano 1990 a cooperativa Erica Mel para comercializar e dar servizos a máis de 300 abelleiros de toda Galiza que son os máis profesionalizados. Tamén foi a promotora da denominación Mel de Galiza-Indicación xeográfica protexida (IXP), á que pertencen na actualidade máis de 400 abelleiros. O interese desta denominación estriba na promoción e control duns meles que proceden fundamentalmente de plantas silvestres: castiñeiro, queirogas, silvas, carballos, eucaliptos…

Na actualidade, o sector apícola galego está pasando unha forte crise; as abellas desaparecen sen deixar rastro. Desapareceron en Galiza máis de 1.300 abelleiros nos dez últimos anos, nas provincias de A Coruña e Pontevedra abandoaron case un 60% dos abelleiros e nesas zonas desapareceron tamén máis dun 60% das colmeas que había hai 12 anos. Moitos abelleiros repoñen as baixas tódolos anos e volven a quedar sen abellas á saída do inverno. Non se trata de ningunha doenza coñecida.

Aquí pasa o mesmo que no resto de Europa, este fenómeno apareceu a partir do uso dunha nova xeración de pesticidas sistémicos neurotóxicos. Nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas, por termo medio nestes últimos anos desapareceu máis do 50% da cabana apícola galega. Esta situación agravouse nos derradeiros 3-4 anos.

Despois dos estudos e traballos científicos realizados noutros países, sobre todo en Francia, chegamos á conclusión de que tamén aquí estes pesticidas son os responsábeis desta desfeita.

Pesticidas

O primeiro produto coñecido en Galiza foi o Confidor (principio activo Imidacloprid), insecticida de amplo espectro, sistémico, neurotóxico, que fabrica a firma Bayer e que se usa en fumigacións sobre todo en hortos, invernadoiros, froiteiras, patacas, etc. Na propia etiqueta aparece como “moi perigoso para as abellas”, e na actualidade tamén se usa para fumigar eucaliptos.

Outros nomes comerciais que tamén se usan pero que non están á venda son o Gaucho (Imidacloprid) e o Regent (Fipronil). Estes pesticidas veñen coas sementes xa tratadas, máis frecuentemente de millo, aínda que tamén poden vir coas sementes de trigo, cebada, remolacha, patacas…

Poden causar intoxicacións agudas, nos días seguintes ás fumigacións ou sementeiras, e tamén intoxicacións crónicas, intoxicación lenta e subletal despois do seu uso e debido a que se espallan pola terra e tamén a que perduran. A intoxicación crónica pode durar até 3 anos despois da utilización dos pesticidas. Por contacto ou inxestión, afectan ao seu sistema nervioso das abellas, que perden o sentido da orientación e xa non volven a colmea.

As áreas máis afectadas en Galiza corresponden coas zonas de horta, froiteiras, millo e ultimamente coas zonas de eucaliptos tratados. Tamén aparecen os efectos en zonas que non coinciden coas anteriores, que pode ser debido a que o vento ou a auga levaron os produtos a longas distancias. Isto pode ocorrer durante as fumigacións ou polo desprendemento de pó dos graos de millo durante a sementeira. O millo con Regent, que foi prohibido en Francia, estase utilizando aquí na Galiza, como se puido comprobar no ano 2005.

Solución

Ecoloxistas e abelleiros/as sabemos que non pode haber abellas sans nun medio ambiente enfermo, e que nun medio ambiente enfermo tamén se resinte a saúde humana. A única solución a esta situación é a prohibición destes pesticidas xa que se trata dun problema que atenta contra as abellas, o medioambiente, a biodiversidade e a saúde pública. Por iso, os nosos gobernantes deberían pensar en modelos de produción agraria alternativos, xa que o actual é moi pernicioso.

Pesticidas

IMIDACLOPRID

Hai uns anos a Nihon Bayer Agrochemicals K.K. desenvolveu un grupo de moléculas chamadas “nicotinoides” derivadas da nicotina. A súa acción mortal nos insectos exércese sobre o sistema nervioso central, bloqueando de forma irreversíbel os receptores nerviosos. Os fitosanitarios que conteñen Imidacloprid úsanse para tratar o pulgón e a mosca branca, así como para o tratamento da semente da pataca, millo e outros cereais ou legumes. O imidacloprid é 10.000 veces más potente que a propia nicotina, e degradase en oito metabolitos, as veces con acción máis potente que a propia materia activa.

FIPRONIL

Pesticidas tóxicos para as abellasDescuberto polos laboratorios franceses Rhone Poulenc a finais dos anos 80, é o principio activo do insecticida comercializado como Regent TS, que se comercializa desde 1997 para tratar as sementes de millo, xirasol e outros cereais. O seu principal fin é loitar contra as larvas, pero os insectos que entran en contacto, incluídas as abellas, morren por sobreexcitación, xa que afecta aos transmisores nerviosos. O fipronil está presente tamén en produtos de xardinería e veterinarios para matar os parasitos dos animais de compañía.

Canceríxeno: a Axencia de Protección do Medio Ambiente de EE.UU. clasificou o fipronil como canceríxeno (produto susceptíbel de provocar cáncer) porque os animais de laboratorio expostos a el desenvolveron tumores benignos e malignos de tiroides. Un dos produtos resultante da súa descomposición pola luz (fipronil-desulfinil) é dez veces más tóxico que o propio fipronil.

MARCAS COMERCIAIS

Imidacloprid (Bayer): Gaucho® (80% imidacloprid), para a protección de sementes (millo, xirasol, xudías, etc.), e Confidor® (20%) e Escocet ® (35%) de aplicación por pulverización para froiteiras, legumes e hortalizas. Fipronil (Basf): Regent®, igualmente para o tratamento de sementes, e pulgas de animais domésticos.

INSTRUCIÓNS

É paradoxal que o Confidor, co 20% de materia activa, indique nas instrucións de uso “moi perigoso para as abellas” e o resto dos produtos, con porcentaxes moito maiores, non fagan ningunha mención á súa alta perigosidade.

Posición oficial

A Resolución B5-0000/2003, de data 23 de xuño de 2003, do Parlamento Europeo sobre as dificultades ás que se enfronta a apicultura europea, entre outras cousas afirma o seguinte:

- “…os apicultores deben facer fronte a graves problemas vinculados á perda da cabana apícola (por encima do 80%)…
- …a perda non cesa de agravarse de ano en ano.
- …obsérvase unha sincronización xeográfica e temporal na aparición de ditos síntomas, debido á utilización de novas xeracións de sustancias activas sistémicas neurotóxicas.
- …os síntomas son novos e non se parecen nada a outras patoloxías xa coñecidas e controladas polos apicultores.
- …esta nova xeración de produtos (en particular, o imidacloprid e o fipronil) utilizados en doses sumamente baixas (uns poucos ppb) teñen efectos tóxicos…
- …hoxe sabemos que entre un 2% e un 3% da poboación (humana) sofre patoloxías vinculadas a disfuncións do sistema nervioso nos lugares directamente afectados polos produtos neurotóxicos…
- …debe evitarse a calquera prezo que os agricultores se enfronten una vez más a unha contaminación alimentaria escandalosa do tipo “EEB”, da que non serían responsábeis pero si as primeiras víctimas.
- …que se adopten medidas preventivas polo que respecta a utilización das novas xeracións de produtos neurotóxicos remanentes”
.

Posición científica

Dr. Marc E. Colin. Departamento de Patoloxía Comparada. Universidade de Montpellier (Francia)

As conclusións dos seus estudos son claras e contundentes. Estes produtos producen nas abellas tremores, comportamento de limpeza exaxerado, mala orientación e, finalmente, desaparición das colleiteiras, non ligada obrigatoriamente a unha mortaldade diante da colmea; síntomas ben diferentes aos causados polas enfermidades virais.

O imidacloprid é un nicotinoide que actúa sobre o sistema nervioso central. É 10000 veces máis potente que a propia nicotina e provoca tremores, e unha inmensa debilidade muscular que leva á morte do insecto. Degrádase en 8 metabolitos, ás veces con acción insecticida máis forte que a propia materia activa. Xa se atoparon receptores de imidacloprid no home.

O fipronil pertence a familia dos fenilpirazois e a súa acción e características son moi similares as do imidacloprid. En canto á contaminación en plantas, atopáronse valores medios de 3,5 microgramos/kg no millo e de 1,9 microgramos/kg en pole. A dose letal 50 (DL50, ou dose capaz de matar o 50% das abellas expostas) por inxestión para a abella é de 4,5 nanogramos (mil veces menor que o micro), e por contacto, de 24 ngr. En canto ao fipronil, os datos foron de 4 ngr por inxestión e 6 ngr por contacto.

Abellas alimentadas durante 10 días con xarope contaminado con 0,1 microgr/kg de imidacloprid sofriron unha mortaldade do 40%, mentres que con xarope contaminado con fipronil con 0,01 microgr obtívose aos 10 días unha mortaldade de até o 65% dos individuos.

Para Colin estes insecticidas supoñen un grave problema para o medio por mor da dispersión de moléculas altamente tóxicas no ar, auga e terra, pero incluso para os consumidores que poderían atopar estas toxinas no leite dos animais alimentados con silos de millo Regent ou na auga de rego ou de consumo.

Ademais, asegura Colin: “Cos insecticidas tradicionais fan falta varios microgramos para matar a unha abella. Porén, con cinco nanogramos de fipronil descubrimos que xa morren. É a milésima parte do que ocorría cos produtos tradicionais”.

A importancia das abellas

Albert Einstein:

Sen abellas non hai alimentación para o home, as abellas son a base da vida humana na Terra

Esta afirmación de Einstein refírese ao papel polinizador das abellas e pon de manifesto a importancia das mesmas. Segundo a FAO, o 76% da alimentación humana depende da presenza de abellas nos nosos campos. As producións directas, mel, pole, xelea real, própole, cera… cuantitativamente son insignificantes, mais non así cualitativamente, pois trátase de produtos de extraordinario valor alimenticio e terapéutico. Pero a produción indirecta derivada da presenza destes insectos entomófilos, polinizadores do 80% das plantas con flores, é moi superior. Por cada euro que percibe o abelleiro polos produtos das súas abellas o seu equivalente en polinización de produtos agrícolas avalíase en 30 euros.

As abellas visitan as flores e, de paso que recollen o néctar, transportan o pole (célula masculina) polas distintas flores da mesma especie e provocan a fecundación dos óvulos (célula feminina) e o desenvolvemento de froitos e sementes, e a aparición de novas plantas.

Polo tanto, as colonias de abellas aseguran a polinización das plantas agrícolas e garanten a presenza de milleiros de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade. De faltárennos as abellas, rachará unha cadea do ecosistema na que os humanos somos un elo máis.